Venres, 2 de febreiro de 2007
Actos previstos para o domingo 4 de febreiro
-Acto de apertura, 11.30 horas, Pazo da Cultura.
Intervencións de Helena Torres, Coordinadora do Salón, Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura da Xunta de Galicia, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra. Conduce o acto o grupo de contacontos Pavís Pavós.
Formado en 1996 en Pontevedra, está integrado na actualidade por Tareixa Alonso, Andrea Bayer, Ismael Calvo, Dolores Hermida e Xacobe Rodríguez. Pavís Pavós centran o seu traballo na recuperación das formas orixinais dos contos clásicos, a oralidade e o xeito tradicional e popular de contar. Os coñecidos espectáculos “stand-up” son unha evolución do narrador tradicional e é precisamente o que esta agrupación pontevedresa quere recuperar e manter. Tamén inclúen nos seus espectáculos contos de nova creación e formatos contemporáneos. Teñen traballado en colaboración con concellos, institucións, asociacións sen ánimo de lucro e diversas entidades. En xaneiro de 2006 foron distinguidos co premio Xoán Manuel Pintos que outorga o Concello de Pontevedra polo seu labor a prol da lingua galega.
Actuación musical de Golfiños.
-Contadas para nenos e familias, 12.30 horas. Pazo da Cultura.
-Obradoiro para nenos de maquillaxe de medo. 18.00 horas. Pazo da Cultura. Impartido por Paspallás.
-Teatro, 18.30. Teatro Principal. Entrada 2 euros. Buuu! de Yllana. A partir de 6 anos.
Espectáculo no que se recrean os grandes monstros do terror clásico co teatro xestual e directo desta compañía madrileña especializada no humor sen palabras e de recoñecido prestixio en medio mundo. En Buuu! tres actores entran de cheo no máxico e divertido mundo do terror e transforman os nosos máis queridos monstros para amosarnos o seu lado máis cómico. Un espectáculo para asustar ó medo a base de gargalladas. Diversión para grandes e pequenos.
Producciones Yllana nace en 1991 e desde entón amosa como facer humor sen palabras. A súa linguaxe escapa do corpo con enerxía desenfreada. Calados pero sempre ruidosos son os artífices dun mundo surrealista e delirante onde todo pode ocorrer.
Desde a súa formación producen espectáculos que chegan a converterse en clásicos para adultos como Glub Glub, o impresionante 666, Rock & Clown, e tamén para público familiar como Splash ou Olimplaff. Agora chegan a Pontevedra coa súa última creación para os máis pequenos.
Máis información en www.yllana.com Espectáculo programado dentro do ciclo “Domingos do Principal”.
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra