Domingo, 4 de febreiro de 2007
O alcalde de Pontevedra, a conselleira de cultura e maila coordinadora do Salón tomaron a palabra nun acto conducido por Pavís Pavós.
O domingo 4 de febreiro estreamos unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra aberta á expresión artística e literaria para nenos ó redor do medo. O espírito deste Salón está sintetizado no cartel que asina a ilustradora Noemí López, unha nena lectora cuxa curiosidade e afán de coñecemento poden cos monstros. Aprenderemos nestes días que o terror e o susto serve de ferramenta para estimula-la imaxinación, para incorporar notas de humor ó relato, á palabra, ó xesto e á ilustración e para abrir portas á liberdade cando podemos dominalo.
É por iso que o Pazo da Cultura está agora poboado por monstros, criaturas extrañas e terribles e invencións de todo tipo. Debémosllos ó enxeño dos alumnos de Belas Artes, a Escola de Canteiros, Cuartoescuro Teatro e Paspallás, que se ocuparon da ambientación dos espazos.
Haberá pois que sortear bichos, animais feroces e seres inverosímiles para visita-las exposicións de ilustradores e artistas, que este ano saen fóra do Pazo. Dúas poderemos ver na Biblioteca Pública e na Casa das Campás, onde tamén se van celebrar as “Clases maxistrais de ilustración” que van marcar un dos fitos do Salón tanto pola receptividade do público, que respostou de xeito inmediato, como pola altura dos participantes. Son oito os ilustradores “maxistrais” que nos van amosar como traballan. Cada un deles emprega un medio de expresión distinto e todos, agás un, comparten a súa participación anterior nesta cita coa paixón de ler. Quen pisa o Salón por vez primeira é Rui de Oliveira, que, xunto coa escritora Ana María Machado, son os embaixadores das letras brasileiras en Pontevedra. Este ano inaugurámo-la tradición do país convidado honrando á creatividade carioca.
A mostra dos traballos dos escolares agocha moitas sorpresas, xa que reflicte as sensacións que lles provoca o medo que descobren a través dos libros. E, nestes días, 6.000 alumnos de toda Galicia pasarán a ve-la exposición. E co incremento do número de escolares, diversifícanse as actividades do Salón creadas expresamente para eles. Ós obradoiros de escrita, ilustración e medio ambiente, este ano sumamos un de música. Os estudiantes de Ciencias da Educación artellaron un espectáculo de música e danza para os cativos, e tódolos días, en horario de mañá e de tarde, haberá teatro, monicreques e contos.
Á axenda dos adultos tamén lle quedarán poucos ocos baleiros durante o Salón do Medo con conferencias, presentacións de libros, espectáculos, música e os tradicionais obradoiros polas tardes, abertos á participación do público (nos obradoiros cómpre inscrición previa a través da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, no 986.852.710).
O Salón abre tamén un tempo de homenaxe a Bernardino Graña, o poeta do mar e da tenrura. O ano pasado recibíu 18.000 persoas, así que agora o reto é ofrecer algo distinto e co nivel máximo de calidade. Con ese afán leva todo un ano traballando un equipo inzado de ilusión e tódolos colectivos da cidade, escolares, artísticos e sociais, que aportan a súa entrega.
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra