Domingo, 4 de febreiro de 2007
ACTIVIDADES ABERTAS Ó PÚBLICO
· 17.30 HORAS. CONTADORES DE HISTORIAS. Alumnos do IES Valle-Inclán.
· 18.30 HORAS. OBRADOIRO: COMO SE FAN “OS BOLECHAS”. Con Pepe Carreiro (a partir de 4 anos).
· 18.30 HORAS. PRESENTACIÓN DA REVISTA BD BANDA. Nace en Galicia a primeira revista profesional de banda deseñada con tirada estatal, trala colleita de premios que ensalzaron o proxecto BD banda. Conqueríu o Premio do xurado ao Mellor Fanzine no ano 2005 no Salón do Cómic de Barcelona, e mailo Premio Ourense á mellor iniciativa de Banda Deseñada. BD Banda consolídase e crea unha publicación con dúas tiradas en galego e castelán , logo de máis de cinco anos promocionando e dando a coñecer os novos autores de BD galega máis alá das nosas fronteiras, e despois de impulsar a creación da Colección BD banda de álbumes editada baixo o selo de Factoría K de Libros. A partir dunha periodicidade semestral, este proxeto aposta pola profesionalización do sector da banda deseñada en Galicia, contando con algúns dos máis destacados autores do país canda nomes recoñecidos de todo o Estado. Tanto os autores coma as series e todas as novidades do proxeto serán presentadas o vindeiro Luns 5 de febreiro ás 18:30 da tarde, no Salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, abrindo así as presentacións editoriais do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Toda a información do proxeto en http://www.bdbanda.com
· 20.30 HORAS. MESA REDONDA: “DE CARGARSE DE MEDO A MEXAR DE RISA”. Con Cándido Pazó, Avelino González e Soledad Felloza. Cándido Pazó Autor teatral, guionista de series televisivas e director de escena con numerosos espectáculos estreados e premiados entre os que destacan varios Maria Casares e un Max. Como contador de historias ten participado en numerosos eventos e festivais internacionais de oralidade en media Europa e América. Tamén impartiu diversos seminarios sobre a materia por distintas universidades de medio mundo. A súa presenza escénica como conteiro está influída polo seu aficio teatral, nun estilo que vai desde o xograresco ao máis coloquial, procurando o equilibrio entre o culto e o popular, cunha marcada tendencia á improvisación. É autor da maior parte das súas historias e ten tendencia polo chamado conto tabernario ou de tertulia: enfiados de anécdotas, sucesos e personaxes dos que demostran que a realidade supera a ficción.
Avelino González Actor, director e autor teatral. Ten participado en varias longametraxes e conta con numerosas intervencións en series e programas de televisión. Recibiu varios premios como actor e autor teatral. No seu repertorio como contador atopamos historias verdadeiras e falsas, oídas e inventadas, tenras, graciosas, picantes, subversivas... Defínese a si mesmo como un actor ao que lle gusta o teatro e circo e de onde colleu a única norma, regra ou lei que lle parece válida na súa profesión: a un actor ou contador, todo lle está permitido agás aburrir. Máis información en www.avelinogonzalez.com
Soledad Felloza Docente, actriz e dramaturga uruguaia, leva 20 anos contando contos. Posúe unha ampla formación e experiencia no campo teatral e da narración oral. Ten dirixido obradoiros de expresión, teatro e narración en centros de ensino e universidades de Uruguai, Arxentina, Venezuela e España. Tamén conta con intervencións en multitude de programas de TV e radio ademais de colaborar nalgunha publicación literaria. Alguén dixo dela unha vez: “... de oficio, palabrera, de profesión, maga de las palabras...”. Soledad actuará o venres 9 de febreiro ás nove da noite no Pazo da Cultura dentro do espectáculo “Contos de medo e lume” xunto co Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Máis información en www.soledadfelloza.com
VISITAS E ACTIVIDADES PARA ESCOLARES
· Comezan as visitas para alumnos de colexios e de institutos de Pontevedra e a súa comarca. Hoxe desde os seguintes centros:
CEP Espedregada. EEI Crespo Rivas. CPI Manuel Padín Truiteiro. CPR Nuestra Señora de los Dolores. CEIP San Benito de Lérez. CRA Vilaboa. CEP Xunqueira II. CEIP Fróebel.
· 11.30 HORAS. Teatro Mutis: “La maldición de Sésamus”. Espectáculo moi divertido no que a torpeza dos protagonistas nunha situación límite provoca a risa ao espectador. Esa risa coa que nenos e non tan nenos se liberan fronte a situacións de angustia, medo, risco... Cinco actores dan vida a máis de quince personaxes nunha obra que conta cunha escenografía gótica chea de sorpresas e na que o público forma tamén parte activa. O tema central da historia é o medo, sobre todo o medo ao descoñecido, ao sobrenatural, como ferramenta dos poderosos para someter aos pobos e de como a xente nova trata de vencer ese medo loitando por saber, por descubrir a verdade. Hai xa varios anos que a compañía segoviana Teatro Mutis deu cunha fórmula infalible para ter éxito facendo teatro para público infantil: tramas sinxelas que se complican, manipulación de grandes bonecos, escenografías dinámicas, música e participación do público. Teatro fácil de ver con mensaxe agochado, ou non tanto. Máis información en www.enlazes.net/ev_mutis.php
· Empeza tamén a actividade dos obradoiros e das contadas para os escolares en horario de mañá (10.00-12.30 aprox., dobre sesión). Hoxe estarán a cargo de:
OBRADOIRO DE ESCRITA: TAGEN ATA.
Tagen Ata é unha cooperativa galega constituída no ano 2002 en torno aos valores da corresponsabilidade, a democracia, a igualdade e a vocación social. O seu proxeto aposta por un modelo radicalmente novo, unha dinámica creativa, moderna, útil e aberta, un labor profesionalizado que apoia, implementa e vertebra o proceso de normalización lingüística. Tagen Ata actualiza os referentes da lingua para identificala coas novas tecnoloxías, a renovación pedagóxica e o desenvolvemento sociocultural. Con este obxectivo traballa en diferentes ámbitos como son a formación, o asesoramento lingüístico, a xestión e os programas de dinamización no ensino, nas asociacións, no tempo libre... Os módulos de dinamización serán os que acheguen ao Salón do Libro, en sesións concertadas con escolares, nas desenvolverán obradoiros atractivos e lúdicos, traballando con proxectos de creación propia a través de actividades pedagóxicas e divertidas.
OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN: ITZIAR EZQUIETA E NOEMÍ LÓPEZ.
Itziar Ezquieta (A Coruña, 1975) é unha pintora que atesoura xa dúas brillantes incursións no eido da ilustración de LIX —O cuarto prohibido e Cobertor de estrelas, ambas publicadas por OQO—, que non pasarán inadvertidas dada a calidade das súas propostas. Estudiou a especialidade de Pintura en Belas Artes (Universidade de Vigo) e, a partir daí, está a desenvolver unha interesante traxectoria na creación plástica e tamén no terreo da investigación artística. O cuarto prohibido foi o seu debut como escritora. En Cobertor de Estrelas encárgase de ilustra-los textos do brasileiro Ricardo Lísias (Sao Paulo, 1975) traducidos por Antóm Fortes (Sarria, 1957). Neste Salón hai unha exposición das súas obras.
Noemí López (Lugo, 1976) formouse como deseñadora gráfica, decantándose pola ilustración. No campo do deseño gráfico traballa fundamentalmente o cartelismo, tras ter gañado algún certame. Paralelamente comezou a facer ilustracións para outros soportes como xornais e revistas, e pouco despois, a ilustrar libros de literatura infantil e xuvenil, así como libros de texto, libros de natureza, cubertas de libros, catálogos, soportes multimedia, deseño de escenografía, etc... Como ilustradora ten participado en diversas charlas e sesións-obradoiros de fomento para a lectura, e exposicións colectivas sobre ilustración. Dende o ano 1999 ata o ano 2003 formou parte como vocal ilustradora da directiva de Gálix (Asociación Galega do libro infantil e xuvenil). Traballou como debuxante de animación despois dun periodo de formación en Limaía Produccións. Actualmente continúa a desenvolver, paralelamente á ilustración, proxetos dentro do mundo dos debuxos animados, e deseño de escenografía para teatro. Neste Salón pódese visitar unha selección dos seus traballos.
OBRADOIRO DE MEDIO AMBIENTE: PAPAVENTOS.
Anxo Moure vístese coa pel do “Carballo con botas” para lle aprender ós máis pequenos o respecto pola natureza. Moure, quen impartíu este obradoiro por vez primeira na anterior edición do Salón e con moito éxito, consegue establecer unha comunicación moi directa cos nenos.
CONTADAS CON PAVÍS-PAVÓS, DAVID PERNAS, RAQUEL E GALITOON.
David Pernas vén realizando actividades de animación á lectura en Bibliotecas e escolas desde 1992. En 1995 formou a Compañía do Trinke Trinke coa que traballa, entre outras, nas Bibliotecas Municipais de A Coruña, Cambre e Oleiros. O concello de Cambre, onde interpreta ao “Moucho Leroucho”, recibiu no ano 2002 o 3º premio nacional ao fomento da lectura, outorgado polo Ministerio de Cultura e a FEMP. Encarna personaxes (como “o rato de biblioteca“ ou “o Moucho Leroucho”) que andan sempre coas orellas ben abertas e son bos lectores . Por iso saben tantos contos . A comicidade sempre está presente na interpretación a fin de facilitar unha relación afectiva entre o personaxe e o público obxecto da animación á lectura. Tén representado arredor de 3.000 funcións ao longo da sua carreira. Forma parte de “Os Colombaíños”,compañía de pallasos dirixida polo célebre clown italiano Carlo Colombaioni. Cada curso escolar a compañía pon en cartel 20 sesións de animación á lectura diferentes, destinadas a nenos de 3 a 8 anos que duran entre 30 e 40 min. En cada sesión contánse dous ou tres contos, enlazados por un fío argumental que soe tratar de temas cercanos e de interese educativo para os nenos. Esta estructura será a que siga a sesión de contacontos que ofrecerá no Salón do Libro para alumnos de infantil e primaria.
Raquel Méndez formouse en Educación Musical, tendo cursado estudos de coro e acordeón no Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra. A nivel profesional ten exercido coma profesora de clases extraescolares de música e teatro en colexios. Tamén se ten encargado de diferentes campañas de animación á Lectura (coma os das editoriais Anaya, Xerais e Kalandraka, sendo nesta última a creadora e intérprete da Maga Rulana).
Galitoon Productions é unha compañía galega creada por Andrea Bayer, Santiago Alonso e Chisco Casteleiro, todos eles cunha gran experiencia no mundo do teatro e da televisión. Desde a súa formación traballan coa técnica dos muppets, facendo colaboracións coa Televisión de Galicia.
ACTIVIDADES PARA ADULTOS
· ANIMACIÓN Á LECTURA: A VOLTAS CO CONTO. Con Pavís Pavós. Pavís-Pavós actualmente está formado por Tareixa Alonso, Andrea Bayer, Ismael Calvo, Dolores Hermida e Xacobe Rodríguez.O obradoiro no que traballarán este ano no VIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, baixo o título Iniciación á lectura dende a Casa tratará a relación dos pais cos nenos/as dende que nacen a través das nanas, ladaíñas, contos populares, contos obxecto... e introdución ó álbum ilustrado e o enfoque ás lecturas máis complexas.
· LITERATURA... DE MEDO. Con Vicente Muñoz Puelles. Nacido en Valencia en 1948 e Licenciado en Ciencias Biolóxicas, adicouse a literatura desde moi xove, aínda que non publicou ata 1981. Home de grandes inquietudes, é coguionista da película Sobras Paralelas, xunto ao director Gerardo Gomerzano. En 1995 publicou o album Infiernos Eróticos, un compendio de entrevistas realizdas ao director de cine Luís García Berlanga, no que se recollen fotografías, gravados antigos e ilustracións da colección erótica de Berlanga. Publicou na editorial valenciana La Máscara unha serie de títulos sobre literatura erótica, entre outros: Malicia (1994); Fantasías (1994); Geografía del cuerpo (1994); El placer del dolor (1995); El otro sexo (1995); Extasis (1995); Infiernos eróticos (1995); Amantesartificiales (1995); Archivo secreto (1995); Arte de la seducción (1996); El banquete de Eros (1996); La Bella y la Bestia (1996); Ninfómanas y sátiros (1996); Poesía erótica (1996). Moitos destes títulos forno traducidos ao francés Publicou tamén catro libros de contos para nenos, así como numerosos ensaios, traduccións e edicións de otros autores. Todas estas obras foron recoñecidas con importantes premios literarios e o seu estilo é moi valorado pola crítica. No VIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil achegará un obradoiro de literatura dividido en 3 partes: 1. O terror ao longo da infancia e na vida adulta 2. O terror na literatura e a literatura de terror 3. O terror na súa literatura, tanto na infantil como na destinada aos adultos. Para este taller, servirase das súas propias explicacións e da lectura dalgúns fragmentos literarios.
· ILUSTRACIÓN: ONDE ESTÁ A EMOCIÓN. Con Noemí Villamuza. Noemí Villamuza, naceu en Palencia en 1971 e estudiou Belar Artes en Salamanca. Vive en Barcelona dende o ano 1998, os 8 anos que comprende a súa vida profesional. Un soño que comezaba en Salamanca, durante a aventura universitaria…ser ilustradora. E xa leva máis de vintecinco títulos publicados, algúns deles editados tamén en Corea, Estados Unidos ou Xapón. Foi finalista do premio nacional de ilustración no 2002. Impartiu clases de ilustración en centros coma a Escola Superior de Deseño Bau e a escola Massana, fixo tamén talleres para nenos, ilustrou camisetas en campaña solidaria dende Women’s Secret, así como intevencións audiovisuais para a canle TV3. As súas ilustracións xa forman parte de catálogos de ilustración internacional, coma o da Fira de Bologna ou o Victionary Design for Kids de Hong Kong. No Taller de Ilustración que nos achega a Pontevedra este 2008, “Donde Está a Emoción”, ofreceranos unha charla introductoria ao tema do taller e a os métodos creativos que utiliza como autora. Creará tamén unha pequena polémica para cambiar opinións sobre o factor emocional na ilustración. Durante os catro primeiros días do taller realizaranse catro exercicios que partirán dunha palabra referencia que cada alumno deberá buscar, dita palabra deberá estar ligada ao emocional. Nun proceso de catro “actos” irase desfiando a atmosfera necesaria para ilustrar ese concepto, buscando os recursos adecuados en canto á técnica, composición, formato, cor, movemento… Catro puntos de vista dunha mesma mensaxe. Catro ilustracións que funcionen coma catro ingredientes dunha receta. No quinto día, o exercicio deberá conseguir cunha imaxe concluínte, contruída a partir das ilustracións anteriores, unha síntese que se achegue o máis posible á emoción que se pretende expresar. Co obxecto de facelo de forma sinxela e poética.
· A MÚSICA GALEGA NA ESCOLA. Con Paulo Nogueira e Magoia Bodega. Paulo Nogueira é mestre de educación musical no CEIP Magaláns-Dorrón (Sanxenxo), así como membro do grupo “Gaiteiros Treixadura”. É autor, xunto con Héctor Silverio e Carlos Rey, do libro-dvd recentemente publicado sobre “Os Campaneiros de Vilagarcía”. Xunto con Magoia Bodega elabora materiais didácticos para traballar a música galega na escola. Produción artística do CD-DVD libro “O Quiquiriquí” (Cantos para o Nadal). Pola súa parte, Magoia Bodega é mestra de educación musical no CEP Chancelas (Poio). Foi compoñente durante 10 anos do grupo “Muxicas”. Ten feito diversas colaboracións con músicos coma Rodrigo Romaní ou Susana Seivane. Participou como solista e compositora no libro “De pano sedán”. Produción artística do CD-DVD libro “O Quiquiriquí” (Cantos para o Nadal). Mediante o obradoiro “A música galega na escola” pretenden mostrar distintas formas de plantexar e tratar a música galega na escola, propoñendo actividades para os distintos bloques desta área por medio de cantigas, audicións, movemento, linguaxe musical, instrumentacións, etc. Os contidos do taller poderíanse resumir nos seguintes apartados: 1.- Audición musical activa: diferentes propostas de audición de música galega utilizando como recurso o movemento, a prosodia rítmica, musicogramas, linguaxe musical, cantigas, contos, instrumentacións, etc. 2.- Cantigas: repertorio de cantigas galegas infantís, de oficios, acumulativas, do ciclo anual. Recursos didácticos para a aprendizaxe das mesmas. 3.- Instrumentacións: diferentes propostas de utilización dos instrumentos escolares coa nosa música. Xogos e cantigas con instrumentos. 4.- Instrumentos populares galegos: diferentes propostas para que o alumnado coñeza e recoñeza visual e auditivamente os instrumentos galegos. 5.- Ritmo e movemento: xogos de movemento baseados nos ritmos populares galegos.
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra