Prensa

Arquivo

Gabinete de prensa

Teresa Cuíñas Lavandeira
prensa@salondolibro.org
Teléfono 645 106 103

ACTOS PREVISTOS PARA O MARTES 6 DE FEBREIRO

Luns, 5 de febreiro de 2007

6 fotos

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitará mañá martes, 6 de febreiro, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil ó redor das doce do mediodía.

ACTIVIDADES ABERTAS Ó PÚBLICO

· 18.30 HORAS. TEATRO MUTIS: “LA MALDICIÓN DE SÉSAMUS”. Prezo: 1,50 euros. A partir de 6 anos. Espectáculo moi divertido no que a torpeza dos protagonistas nunha situación límite provoca a risa ao espectador. Esa risa coa que nenos e non tan nenos se liberan fronte a situacións de angustia, medo, risco... Cinco actores dan vida a máis de quince personaxes nunha obra que conta cunha escenografía gótica chea de sorpresas e na que o público forma tamén parte activa. O tema central da historia é o medo, sobre todo o medo ao descoñecido, ao sobrenatural, como ferramenta dos poderosos para someter aos pobos e de como a xente nova trata de vencer ese medo loitando por saber, por descubrir a verdade. Hai xa varios anos que a compañía segoviana Teatro Mutis deu cunha fórmula infalible para ter éxito facendo teatro para público infantil: tramas sinxelas que se complican, manipulación de grandes bonecos, escenografías dinámicas, música e participación do público. Teatro fácil de ver con mensaxe agochado, ou non tanto. Máis información en www.enlazes.net/ev_mutis.php

· PRESENTACIÓN EDITORIAL: “KAMISHIBAI”, SIETELEGUAS EDICIONES. Trátase dun novo xeito de ler contos ós nenos inspirado nunha tradición milenaria xaponesa. É un maletín de madeira que se transforma nun pequeño teatro. O narrador vai introducindo as láminas coas ilustracións do conto cara ó público e pola parte de atrás o texto do conto queda á vista só de quen le. Establece unha interesante interacción cos espectadores, que agardan con curiosidade a próxima lámina en aparecer. Está editado en galego, castelán, catalán, euskera, inglés e francés.

· 20.30 HORAS. MESA REDONDA: O SON DAS BUGUINAS. Con María Reimóndez, presidenta de IND, e os escritores Fran Alonso e Marilar Aleixandre.

“O son das buguinas” é un libro e DVD solidarios promovidos por Implicadas/os no Desenvolvemento (IND), unha Organización Non Gobernamental (ONG) de voluntariado que actúa en Galicia para apoiar proxectos de desenvolvemento integral no sur da India e Etiopía. O proxecto “O son das buguinas”, xermolouse como unha das respostas de IND á tsunami do 26 de decembro de 2004 que provocou a morte de máis de 300.000 persoas na India (onde esta ONG galega viña traballando desde 1998 en Tamil Nadu, un dos estados máis azoutados polo maremoto) e noutros países de Asia. IND realizou un chamamento solidario a diversoas narradoras/es co obxecto de editar un libro solidario que axudase a reflexionar ao público xuvenil galego sobre as tráxicas consecuencias desta catástrofe. Froito daquel chamamento é “O son das buguinas”, un producto editorial conformado por un libro de sete relatos (ilustrado por Xulia Barros) e un DVD. O volume inclúe os relatos de Marilar Aleixandre (“No lombo do río elefante”), An Alfaya (“Fiu, o paxaro de canto fino”), Fran Alonso (“A guerra”), Rosa Aneiros (“Ver os paxaros voar”), Agustín Fernández Paz (“Lúa do Senegal”) , María Reimóndez Meilán (“O ventre do mar”) e Dolores Ruíz (“O canto do papani”), ademais dunha introdución, titulada “O son das buguinas”, textos que conforman unha proposta de literatura comprometida, unha buguina que fala da alternativa, da posibilidade real de chegar á Pobreza 0 para toda a humanidade. O DVD, que acompaña ao libro, preparado por Francisco Vila Barros, inclúe un documental (8’30’’) sobre o labor de IND en Tiruchy (India ) e Abdis Abeba (Etiopía), unha película de animación (4’30’’) sobre o labor das ONGs e as políticas de voluntariado e cooperación, un documental (7’30’’) sobre a tsunami e un xogo interactivo (“Pensa e actúa”) sobre a cooperación.

Implicadas/os no desenvolvemento (IND) é unha Organización Non Gobernamental (ONG) de desenvolvemento apartidaria e aconfesional que actúa en Galicia para apoiar proxectos de desenvolvemento integral no sur da India e Etiopía, que se atopan entre as zonas máis pobres do mundo. Estes proxectos teñen como obxectivos: –Apoiar as comunidades para que poidan mellorar a súa situación de miseria a través de formación e capacitación. –Facilitar o acceso á educación. –Mellorar as condicións sanitarias e alimenticias da poboación. –Conseguir unha implicación directa de toda a comunidade a través dunha eficaz organización comunitaria que poña énfase na promoción da muller a todos os niveis. IND financia dende 1998 proxectos de organizacións locais e promove a cooperación e a solidariedade cos problemas das poboacións máis desfavorecidas do sur da India e Etiopía. Todo o persoal de IND é voluntario.

VISITAS E ACTIVIDADES PARA ESCOLARES

· Visitas guiadas para alumnos de colexios e de institutos de Pontevedra e a súa comarca (10.30-11.30, 12.30-13.30 aprox.). Hoxe desde os seguintes centros: CEIP Santo André de Xeve, EEI Os Campos, CEIP San Martiño, CEIP Froebel, CEIP Xunqueira I.

· 11.30 HORAS. TEATRO MUTIS: “LA MALDICIÓN DE SÉSAMUS”.

· Obradoiros e contadas para os escolares en horario de mañá (10.00-12.30 aprox., dobre sesión). Continúan Pavís Pavós, David Pernas, Raquel e Galitoon contando contos. Tamén seguen os obradoiros que se iniciaron o luns (literatura con Tagen Ata, ilustración con Itziar Ezquieta e Noemí López). O de medio ambiente con Papaventos dará comezo o vindeiro 13 de febreiro. O que si comezou onte é o de música, con Antón Castro.

OBRADOIRO DE MÚSICA: ANTÓN CASTRO. Antón Castro é un dos históricos membros da non menos célebre formación Fuxan os Ventos, na que desenvolve múltiples papeis (voz, mandolina, flauta, zanfoña e gaita de Northumbrian). Fuxan os ventos actuaron por primeira vez en outubro de 1972 no festival de San Lucas en Mondoñedo. Editaron o seu primeiro traballo discográfico en 1976 e, a partir de aí, publicaron seis álbumes máis que contiñan cancións como “Sementeira”, “O lobo” ou “Muller” que quedaron depositadas para sempre na conciencia colectiva da canción cantada en galego. O penúltimo saíu ó mercado en 1999, “Sempre e máis despois”. O grupo tivo un parón en canto as súas actuacións en directo en 1989, data na que pararon de facer xiras por toda Galicia. En 2002 emprenderon a súa volta ós escaparates cun disco baseado en romances tradicionales, “Na Memoria dos Tempos”.

ACTIVIDADES PARA ADULTOS

· ANIMACIÓN Á LECTURA: A VOLTAS CO CONTO. Con Raquel Méndez e Eva Mejuto (única sesión elas soas, repiten o venres 9 de febreiro con todos os participantes neste obradoiro).

Eva Mejuto é licenciada en Ciencias da Información, especialidade de Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (1993-1997). Exerceu o xornalismo en medios de comunicación como La Voz de Galicia, Europa Press e a Axencia Galega de Noticias Desde 1998 traballa en El Mundo editorial; de 1998 a 2004 en Kalandraka Editora e actualmente en OQO Editora. Imparte obradoiros para docentes e bibliotecarios sobre Literatura Infantil e Xuvenil. É autora de adaptacións de contos populares aos álbumes ilustrados: “Corre, corre cabaciña”, con ilustracións de André Letría, “A casa da mosca chosca”, con ilustracións de Sergio Mora, “O zapateiro e os trasnos”, con ilustracións de Elia Manero, “Rato de Campo e Rato de Cidade”, con ilustracións de Kiko Dasilva.

O obradoiro que achegan este ano ao VIII Salón do Libro parte de propostas de animación á lectura a través dun coñecido conto popular turco no que a protagonista é unha bruxa.

· LITERATURA... DE MEDO. Con Xabier Puente Docampo (única sesión).

Xabier Puente Docampo naceu en 1946 en Rábade (Terra Chá –Lugo). Home de grandes inqueutedes, foi actor, director de teatro, guionista e director na radio, vídeo e televisión, mestre (un traballo do que xa está xubilado) e, por suposto escritor, sendo autor de literatura infantil e xuvenil. Estas dúas últimas profesións son as que máis tempo da súa vida lle tomaron, sendo un mestre sempre relacionado cos movementos de renovación pedagóxica, como así o demostra percencer ó consello de redacción da Revista Galega de Educación e da revista de Literatura Infantil e Xuvenil Fadamorgana. O obradoiro que impartirá no VIII Salón do Libro será unha invitación á reflexión sobre a literatura de terror, feita desde a análise dos seus compoñentes fundamentais. Tamén procurará a relación existente entre a literatura de terror e outros xéneros literarios que sempre se sitúan preto dela: literatura fantástica, literarutra gótica, literatura de ciencia ficción e de anticipación… Analizará os máis importantes exemplos de Literatura Infantil de terror e finalizará dando media ducia de argumentos para elaborar historias de terror.

· ILUSTRACIÓN: ONDE ESTÁ A EMOCIÓN. Con Noemí Villamuza (estará en Pontevedra impartindo o seu obradoiro ata o venres 9 de febreiro).

· A MÚSICA GALEGA NA ESCOLA. Con Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ata o venres 9 de febreiro).

Fotos en alta resolución

© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra