Martes, 6 de febreiro de 2007
ACTIVIDADES ABERTAS Ó PÚBLICO
· DESDE HOXE A EXPOSICIÓN “ESPIANDO ILUSTRADORES” NA CASA DAS CAMPÁS está aberta ó público en horario de 10.30-13.00 e de 18.00-20.30. Permanecerá exposta ata o vindeiro 17 de febreiro.
É unha selección de traballos dos oito ilustradores que imparten as “Clases Maxistrais de Ilustración” que se desenvolverán na Casa das Campás os días 8, 9 e 10 de febreiro. Obras de Pablo Amargo, Rui de Oliveira, Miguelanxo Prado, Miguel Calatayud, Arnal Ballester, Noemí Villamuza, Isidro Ferrer e Pep Montserrat.
· 18.30 HORAS. TEATRO. “AH, AH, AH ESTAMOS MONSTROS DE RISA”. TANXARINA. Prezo: 1,50 euros. A partir de 8 anos.
Aproveitando a ausencia do Profesor Frankenstein, Igor o seu axudante, decide montar unha barraca de feiras cos monstros que o seu amo estuda no laboratorio: a Momia, o Conde Drácula, o Home Elefante... o regreso inesperado do Profesor creará unha serie de situacións cómicas. Espectáculo que mestura marionetas de fío e actores dirixido por Cándido Pazó. Pouco hai que dicir a estas alturas da compañía de Redondela, unha das mellores do país, recoñecida en toda a península e todo un clásico no mundo monicreques. Formada actualmente por Miguel Borines, Eduardo Rodríguez (Tatán) e Andrés Giraldez, Tanxarina foi fundada en 1983. Actualmente dirixen o prestixioso Festival Internacional de Títeres de Redondela. Máis información en www.tanxarina.com
· 18.30 HORAS. PRESENTACIÓNS EDITORIAIS: “O VIXILANTE DOS SOÑOS”, DE EDITORIAL GALAXIA CON ANA CARREIRA E NOEMÍ LÓPEZ, E “CAMIÑO SOLITARIO”, DE EDITORIAL GALAXIA CON ÁNXELA GRACIÁN E FEDERICO FERNÁNDEZ. Presenta o acto Xosé Antón Neira Cruz, director de coleccións de literatura infantil e xuvenil de Galaxia. Estarán presentes os autores.
"O vixilante dos soños", de Ana Carreira, con ilustracións de Noemí López. Breve reseña: Desde bebé Sonólicus durmía ben pegadiño á fiestra, e o último que vía antes de pechar os ollos era unha faciana redonda e resplandecente... E como será a Lúa? Dura ou branda? Fría ou quente? Áspera ou suave?
"Camiño solitario", de Ánxela Gracián, con ilustracións de Federico Fernández. Breve reseña: Chegou o inverno, pasou a primavera, veu o verán e apareceu o outono e Camiño solitario non deixou de esperar que regresase aquel que un día o debuxara con aloumiños.
· 20.30 HORAS. CONFERENCIA: “MEDO AO BALEIRO”, CON MANUEL RIVAS.
·
Nacido na Coruña en 1957, Manuel Rivas é periodista, novelista, ensaista e poeta.
“A guerra española foi o escenario onde se escenificou a derrota da Humanidade. Por outra banda, foi unha guerra que se prolongou con 40 anos de dictadura e moitas das súas sombras non están curadas. Escribir, para min, é unha cura persoal.” Dicía nunha entrevista publicada en outubro do 2001.
Na actualidade, recén publicada a novela “Os libros arden mal”, dí o autor que segue a escribir para seguir curando; de “viaxe ás tripas do fascismo” califica ao fresco novelesco no que reconstrúe a vida antes da guerra civil, mentres dura esta, e a longa noite do fascismo español. Nesta novela, as vidas dos libros, as persoas e a linguaxe crúzanse e entrelázanse nun intenso relato de suspense que transcorre desde o século XIX ós nosos días, entre a atrocidade autoritaria e a indomábel liberdade. Un universo poboado de voces insólitas , de memorias que retumban ou murmuran .
A imaxe da queima de libros, na Praza de Mª Pita, na Coruña, no comezo da Guerra Civil, tingue por completo o simbolismo da novela e queda na retina como unha metáfora daquel desastre que trastocou a vida de todos, os que o viviron e as xeneracións futuras. Sirve de metáfora para o que ocurriu na Europa do momento e na do inmediato posterior. Unha historia que queda na memoria, e na escritura, como consecuencia do medo, que é, para Manuel Rivas, “ unha praia baleira nun día de sol”.
VISITAS E ACTIVIDADES PARA ESCOLARES
· Hoxe comezan as visitas guiadas á exposición “¡Que viene el Coco!”, na Biblioteca Pública (10.00-13.00). A mostra pódese visitar libremente no vestíbulo da Biblioteca ata o 3 de marzo en horario de 9 a 21 horas de luns a venres, os sábados de 9 a 14.
CEIP Froebel (dous grupos). O Coco goza dunha ampla tradición literaria, oral e escrita, pero, pola súa esencia especialmente misteriosa, apenas contou con representacións ilustradas. Precisamente, como moi ben comprende Federico García Lorca, a forza máxica do Coco é o seu desdebuxo. A pesar disto, o carácter eminentemente abstracto da personaxe suxire múltiples posibilidades de expresión estética. Por estes motivos, a Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, coa colaboración da Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), organizou esta exposición para amosar a nenos e maiores a presenza deste personaxe na literatura e nas interpretacións plásticas dos ilustradores de hoxe. A exposición consta de tres apartados. No primeiro deles aparece unha variada mostra do folclore popular infantil e de citas de autores clásicos e contemporáneos. No segundo podemos encontrar as ilustracións orixinais e inéditas realizadas para esta exposición por ilustradores españois. E no terceiro apórtase unha selección de contos e relatos ilustrados que teñen ó Coco como especial protagonista, polo que se pon de manifesto como ambas expresións artísticas se complementan.
· Visitas guiadas no Pazo da Cultura para alumnos de colexios e de institutos de Pontevedra e a súa comarca (10.30-11.30, 12.30-13.30 aprox.). Hoxe desde os seguintes centros: CEIP Pedro Antonio Cerviño, CEIP Tenorio, EEI Concepción Crespo Rivas, CEP Xunqueira II, CEP Chancelas, CEIP Carballedo, CEIP Parada de Campañó, CEIP Campolongo.
· 11.30 HORAS. TANXARINA: “AH, AH, AH ESTAMOS MONSTROS DE RISA”. Para os alumnos de: CPI Domingo Fontán, CPR Los Sauces, CEP Xunqueira II, CPR San Narciso, CEIP de Lourido, CEP Marcos da Portela, CEE Amencer.
· Obradoiros e contadas para os escolares en horario de mañá (10.00-12.30 aprox., dobre sesión). Continúan Pavís Pavós, David Pernas, Raquel e Galitoon contando contos. Tamén seguen os obradoiros (literatura con Tagen Ata, ilustración con Itziar Ezquieta e Noemí López e música con Antón Castro).
· 11.00 HORAS. Tamén recibiremos a visita dun grupo de estudiantes do ciclo de educación infantil do IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo (Lugo).
ACTIVIDADES PARA ADULTOS
· ANIMACIÓN Á LECTURA: A VOLTAS CO CONTO. Con Elena Paz (única sesión, o venres participa nun relatorio cos demais participantes neste obradoiro).
Mestra de piano e solfeo de grao medio, Elena Paz, adicou case a totalidade da súa vida á música. Formada en ditos instrumentos, iniciada no jazz e tendo recibido cursos de musicoloxía, pedagoxía musical, teatro e expresión artística. Actualmente traballa na escola pública na especialidade de Educación musical, nos tres últimos anos da clase de Audición e Linguaxe a nen@s con necesidades educativas especiais, aínda que a súa actividade pedagóxica non remata aquí. De feito, tamén participou no programa didáctico Talleres de Lecer e Nadal do CGAC no ano 2004, deseñando e desenrolando os seguintes talleres para nen@s: “Express-arte: Xogando a lume/auga/terra/aire" "Express-arte: un conto de Nadal" e "Express-arte: ilustrando un conto". Así mesmo, impartiu sesións de expresión musical no programa de animación a lectura para nen@s do concello de Pontevedra nos anos 2004, 2005 e 2006 con axuda de Josiño Liz formando “Golfiños”. Respecto a actividade musical, Elena Paz tamén é vocalista da agrupación Beladona, coa que ten dous discos editados Para brincar no rueiro e Certamen galego da canción xuventude"96 -Bicos de sol; así como arpista da Orquestra Folc Sondeseu.
· LITERATURA... DE MEDO. Con Armando Requeixo Cuba (única sesión).
Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é profesor de Lingua Galega e Literatura no Ensino Medio, tendo desempeñado tamén labores docentes no Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago. Como investigador e analista literario é autor das monografías “Ánxel Fole. Aproximación temática á súa obra narrativa en galego” (1996), “Ánxel Fole e Á lús do candil” (1997, en coautoría con Luís Alonso Girgado), “O mundo lucense de Ánxel Fole” (1997, en colaboración con Claudio Rodríguez Fer e Isabel Gómez Rivas) e “Escritores mindonienses” (1998). Conferenciante en Galicia e fóra dela nos máis diversos foros académicos e culturais, membro do consello de redacción de varias publicacións, prologuista de diferentes obras, colaborador en abondosos libros colectivos, membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega e da Asociación Española de Críticos Literarios, con bolsas de distintas institucións e organismos, membro de numerosos xurados, recibiu varios premios polo seu labor como crítico, investigador e tradutor literario En “Fole: un narrador de medo” realizará unha achega ao universo contístico foleano atendendo á presenza no mesmo do medo como eido tematolóxico principal. Catalogará e a analizará exemplos dos diversos relatos de terror do escritor lugués, tendo presente para a súa clasificación tanto a natureza da realidade xeradora deses medos coma os efectos que os mesmos suscitan no lectorado de onte e de hoxe.
· ILUSTRACIÓN: ONDE ESTÁ A EMOCIÓN. Con Noemí Villamuza (estará en Pontevedra impartindo o seu obradoiro ata o venres 9 de febreiro).
· A MÚSICA GALEGA NA ESCOLA. Con Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ata o venres 9 de febreiro).
O alcalde, a concelleira de cultura e a coordinadora do Salón nunha contada.
Tamaño: × (134.7 KB)
O alcalde e a concelleira de cultura, de visita ó Salón do Libro.
Tamaño: × (128.0 KB)
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra