Mércores, 7 de febreiro de 2007
ACTIVIDADES ABERTAS Ó PÚBLICO
· EXPOSICIÓN “ESPIANDO ILUSTRADORES” NA CASA DAS CAMPÁS está aberta ó público en horario de 10.30-13.00 e de 18.00-20.30. Permanecerá exposta ata o vindeiro 17 de febreiro.
É unha selección de traballos dos oito ilustradores que imparten as “Clases Maxistrais de Ilustración” que se desenvolverán na Casa das Campás os días 8, 9 e 10 de febreiro. Obras de Pablo Amargo, Rui de Oliveira, Miguelanxo Prado, Miguel Calatayud, Arnal Ballester, Noemí Villamuza, Isidro Ferrer e Pep Montserrat.
· 18.30 HORAS. TEATRO. “GOLULÁ”. GALITOON. Prezo: 1,50 euros. A partir de 5 anos. Estrea absoluta.
Espectáculo de técnica mixta na que se mesturan o teatro de actor e o teatro negro cos “muppets”, técnica de títeres creada por Jim Henson (O Show dos Teleñecos). Golulá é un país onde todo é posible: a risa, o medo, a intriga, a amizade, a aventura... Golulá é un país que só ten unha nube. Os seus habitantes teñen medo de perdela e por iso coida dela un gardián chamado Bunkaa. Un día, o malvado Doutor Terrier roubará a única nube de Golulá. Galitoon Productions é unha compañía galega creada por Andrea Bayer, Santiago Alonso e Chisco Casteleiro, todos eles cunha gran experiencia no mundo do teatro e da televisión. Desde a súa formación traballan coa técnica dos muppets, facendo colaboracións coa Televisión de Galicia. Nesta ocasión veñen a Pontevedra a presentar o seu primeiro espectáculo teatral para toda a familia. Os seus bonecos, de gran plasticidade e fermosura, e a súa destreza manipulándoos, fan gozar a maiores e pequenos.
· 18.30 HORAS. PRESENTACIÓN EDITORIAL. “FEDORENTA E A VINGANZA DOS TRASNOS”, DE BIBLOS. Con Tucho Calvo, director editorial de Biblos e Inés Cuadrado, actriz e profesora de teatro. Biblos, que colabora por terceiro ano consecutivo co Salón, presenta a tradución dun novo volume dos que compoñen as aventuras da meiga que na pasada edición se deu a coñecer aos rapaces como «Fedorenta, unha meiga porcallenta» en tradución de Paula Pintos Ureta. Outra vez é esta profesional a que fai posible a lectura en galego de «Fedorenta e a vinganza dos trasnos», outro dos títulos dunha serie moi popular en Gran Bretaña e EE. UU. da que é autora Kaye Umansky. Paula Pintos (Salamanca, 1982) é unha xove tradutora licenciada pola Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo en 2005.
· 19.30 HORAS. ENTREGA DO PREMIO O BARCO DE VAPOR 2006. O pontevedrés Carlos Mosteiro recibirá este galardón por “Unha bruxa ben rara”. Con María Xesús López Escudeiro, concelleira de cultura de Pontevedra, Xavier Xenín, membro do xurado, e José Luis Cortés, director corporativo de narrativa infantil e xuvenil do Grupo SM.
O xurado, formado por Xenín, catedrático de Bacharelato, Manuel Figueiras, especialista en Literatura Infantil e Xuvenil, e Isabel Soto, crítica literaria e tradutora, sinalou que a novela gañadora “destaca polo seu dinamismo, axilidade e orixinalidade ó dala volta a moitos dos tópicos sobre as bruxas”. Carlos Mosteiro explicou que é a “a historia dunha bruxa que é boa, tan boa que os nenos empezan teméndoa pero acaban abusando dela. Isto convírtese nunha vergoña para as bruxas que deben ser malas e é xulgada polo Gran Consexo da Bruxería, que non pode tolerar o seu comportamento”. O autor engade que “cando desaparece a bruxa, os nenos que se aproveitaban dela comezan a botala en falta e organizan unha expedición para ir buscala. Chegan a unha cova e atopan baixo terra un mundo soterrado”, que segundo Mosteiro é “unha homenaxe consciente a “Alicia no país das marabillas” xa que na súa opinión é “un libro magnífico”. Carlos Mosteiro naceu en Santo André de Xeve (Pontevedra) en 1955. Casado e con dous fillos, é profesor de Educación Primaria en A Pobra do Caramiñal. É vicepresidente da Asociación Cultural Barbantia, que organiza todo tipo de actividades culturais na zona. Gran lector e escritor por vocación, a súa afección pola escrita vén “desde que teño uso de razón” aínda que comenzou a publicar hai apenas 10 anos. Libros publicados: “O día que Miguel Induráin pasou por Gonderande”, Ed. Galaxia (1999); “Manual de Instruccions para querer a Irene”, Ed. Galaxia, con traducións a tódalas linguas peninsulares, gañadora do Premio Abril 2001; e “Ese unicornio rosa” Ed. Edelvives (2005), publicado en galego e castelán.
· 20.30 HORAS. CONFERENCIA: “MEDO, HISTORIA, CRIANÇAS”, CON ANA MARÍA MACHADO.
Ana María Machado naceu en Santa Teresa, Río de Xaneiro, o 24 de decembro de 1941. En pouco tempo converteuse nunha promesa da arte, tendo estudiado no Museo de Arte Moderna de Río de Xaneiro e no MoMa de Nova York, participando en Salóns e Exposicións individuais e colectivas en Brasil e no exterior, mentras estudiaba letras. Pero pronto se decantou pola súa profesión definitiva, a literatura, que se vería en moitos casos acompañada polo xornalismo. Deste xeito, formouse en letras neolatinas, en 1964, na entón Facultade Nacional de Filosofía da Universidade de Brasil e fixo estudos de post-grao na UFRJ. Deu clase na Facultade de Letras na UFRJ (Literatura Brasileira e Teoría Literaria) e na Escola de Comunicación da UFRJ, así como na PUC – Río (Literatura Brasileira), alén doutras universidade extranxeiras como a Sorbona, en París (Lingua Portuguesa) e a Universidade de Berkeley, California. A finais de 1969, despois de ter sido apresada polo goberno militar e ter diversos amigos tamén detidos, deixou Brasil e partiu cara Europa. Alí, loitando para sobrevivir co seu fillo aínda pequeño traballou como xornalista na revista Elle, en París, e no Servizo Brasileiro da BBC. Nese periodo participou dun selecto grupo de estudantes co mestre Roland Barthes e terminou a súa tese de doutoramento en Lingüística e Semioloxía, tese que desembocou no libro “Recado do Nome”, sobre a obra de Guimarâes Rosa. Dende hai 25 anos ven exercendo unha intensa actividade na promoción da lectura e fomento do libro, tendo dado cursos e seminario da UNESCO en diferentes países e sendo vicepresidente do IBBY (International Board on Books for Young People). A súa extensa obra brindoulle grandes premios liteararios, o primeiro, o premio Joâo de Barro, recibiuno polo libro “História Meio ao Contrário” en 1977 e agochada baixo un pseudónimo. Outros premios son: Casa de Las Americas (Cuba, 1980), Hans Christian Andersen, internacional, polo conxunto da súa obra infantil (2000), Machado de Assis, da Academia Brasileira de Letras (2001) polo conxunto da súa obra, Machado de Assis da Biblioteca Nacional para romance, Jabuti, Prêmio Bienal de SP, João de Barro, APCA, Cecília Meireles, O Melhor para o Jovem, O Melhor para a Criança, Otávio de Faria, Adolfo Aizen…
É membro do PEN Clube do Brasil e do Seminário de Literatura da Universidade de Cambridge, en Inglaterra. Recibiu Ordem do Mérito Cultural, no grado de mestre, e a Medalla Tiradentes e a Grande Orde Cultural de Colombia. Esta autora impartirá a sesión do venres do obradoiro de literatura e este sábado 10 de febreiro, presentará o seu libro “Niña bonita”, editado por Ekaré. A conferencia levará por título “Medos, historias, crianças” e a autora abordará o papel de diferentes medos na narrativa em geral, especialmente na literatura para nenos, focalizando a tradición das narrativas populares e tamén as obras autorais mais contemporáneas. A análise terá exemplos de obras de autores europeos, norteamericanos e latinoamericanos.
VISITAS E ACTIVIDADES PARA ESCOLARES
· Visitas guiadas á exposición “¡Que viene el Coco!”, na Biblioteca Pública (10.00-13.00). A mostra pódese visitar libremente no vestíbulo da Biblioteca ata o 3 de marzo en horario de 9 a 21 horas de luns a venres, os sábados de 9 a 14.
CEIP Praza de Barcelos, CEIP de Viñagrande, Deiro.
· Visitas guiadas no Pazo da Cultura para alumnos de colexios e de institutos de Pontevedra e a súa comarca (10.30-11.30, 12.30-13.30 aprox.). Hoxe desde os seguintes centros: CEIP de Viñagrande, Deiro, CEIP Cabanas, CEIP Vidal Portela, CPR Los Sauces, CEIP Vidal Portela, CEIP Barcelos.
· 11.30 HORAS. GALITOON: “GOLULÁ”. Para os alumnos de: CEP Chancelas, CEIP Manuel Cordo Boullosa, CEIP A Lama, CEP A Xunqueira II, CEIP Carballal, Marín, CEE Príncipe Felipe, CEP Marcos da Portela, CEIP A Pedra, CEE Amencer.
· Obradoiros e contadas para os escolares en horario de mañá (10.00-12.30 aprox., dobre sesión). Continúan Pavís Pavós, David Pernas, Raquel e Galitoon contando contos. Tamén seguen os obradoiros (literatura con Tagen Ata, ilustración con Itziar Ezquieta e Noemí López e música con Antón Castro).
· 10.00 HORAS. Tamén recibiremos a visita dun grupo de estudiantes do ciclo de educación infantil do IES A Xunqueira I.
ACTIVIDADES PARA ADULTOS
· ANIMACIÓN Á LECTURA: A VOLTAS CO CONTO. Con Estela Mariño (única sesión, o venres participa nun relatorio cos demais participantes neste obradoiro).
Estela Mariño Vázquez, mestra de infantil, toma contacto co mundo do teatro e dos contos a partir da Aula de Teatro da Universidade de Pontevedra. Este mundo apaixonante lévaa a centrar boa parte da súa formación complementaria, con cursos de expresión dramática, de montaxe de espectáculos teatrais, de voz e dicción, etc. Ademais, a súa traxectoria tomou outra especialización na realización de xoguetes. Na actualidade, imparte talleres de teatro e psicomotricidade para rapaces, sesións de animación á lectura e colaborar activamente co grupo de contacontos Pavís Pavós para os que fai escenografías e monecos e demais traballos relacionados. Nesta VIII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil achéganos unha proposta plástica na que as cores e as texturas conxúganse misteriosamente dándolle corpo ós máis fermosos contos.
· LITERATURA... DE MEDO. Con Silvia Gaspar (única sesión).
Licenciada en Filoloxía Hispánica Españolola e Galego-Portuguesa, actualmente traballa na súa tese de doutoramento sobre literatura fantástica galega.Compaxina o seu traballo como Profesora de Ensinanza Secundaria de Lingua e Literatura Galega coa actividade da traducción e crítica literaria. Especializouse no estudo da narrativa contemporánea galega e, nos últimos anos, en literatura infantil e xuvenil, labor do que se derivaron boa parte das súas publicacións. En calidade de especialista, tamén formou parte de diversos xurados literarios, como o Eduardo Blanco Amor (1989, 1993, 1997), Álvaro Cunqueiro (1991), Losada Diéguez (2000) e Abril (2000). En Como se Constrúe o Medo, o taller que nos achega ao VIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil tratará de amosarnos que a literatura de terror na súa vertente culta é un produto romántico, e responde a unhas características estruturais moi precisas baseadas tanto no medio en que se difundiu (habitualmente, prensa) como en función do efecto que se pretende. O obradoiro consistirá nun paseo de carácter práctico polas posibilidades compositivas que o propio xénero ofrece (enfoque narrativo, construción do clímax, descrición, estilo, personaxes, etc), a partir dunha selección de textos breves sobre os que -probablemente- os participantes introducirían a súa escolla de variantes. Os textos seleccionados formarán parte do corpus deste xénero na nosa literatura, o que permitirá dar un repaso á historia desta literatura entre nós.
· ILUSTRACIÓN: ONDE ESTÁ A EMOCIÓN. Con Noemí Villamuza (estará en Pontevedra impartindo o seu obradoiro ata o venres 9 de febreiro).
· A MÚSICA GALEGA NA ESCOLA. Con Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ata o venres 9 de febreiro).
CLASES MAXISTRAIS DE ILUSTRACIÓN
Na Casa das Campás (ata o sábado 10 de febreiro). Entrada gratuita previa inscrición.
· 17.30 HORAS. Pablo Amargo, “LO DUDO”. Premio Nacional de Ilustración 2004 (Ministerio de Cultura). Comeza a desenvolver a súa actividade como ilustrador profesional a mediados dos 90, colaborando en prensa, publicación e moi especialmente ilustracións para libros en editoriais de ámbito nacional (Anaya, S.M., La Media Vaca, Ámbitu, Santillana, Sparafucile/Mashica) e internacionais (La Joie de Lire – Suiza-, Camelia Ediciones Venezuela, Ediciones Retz, Francia). O seu traballo foi seleccionado na Feira Internacional de Bolonia en Italia e na Bienal de Ilustración Barreiro, Portugal. Recibiu diversos premios entre os que destacan o Premio Lazarillos 1999 de ilustración, Primeiro Premio do Banco do Libro de Venezuela 2003, Golden Plaque na Bienal de Ilustración de Bratislava 2005.
· 19.00 HORAS, RUI DE OLIVEIRA “A RELAÇAO ENTRE TEXTO E IMAGEM. ESTILO E ABORDAGEM”. Rui de Oliveira é un grande ilustrador internacional, nado en Rio de Janeiro. Estudou pintura no Museo de Arte Moderna desta cidade, artes gráficas na Escola de Belas Artes da Universidade Federal de Río de Janeiro, e durante 6 anos, ilustración no Instituto SuperIor Húngaro de Artes Industriais, en Budapest. A estes estudos únense os de cine e animación cursados no estudio húngaro Pannónia Film. Leva xa ilustrados máis de 100 libros e proxectou máis de 400 portadas para as principias editoras de literatura infantil-xuvenil brasileiras. Así mesmo é autor de seis películas de animación, tendo recibido moitos premios polo seu traballo como animador e ilustrador. Rui de Oliveira é profesor dende hai 24 anos no curso de Desenho Industrial na Escola de Belas Artes da Universidade Federal de Río de Janeiro.
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra