Xoves, 8 de febreiro de 2007
ACTIVIDADES ABERTAS Ó PÚBLICO
· EXPOSICIÓN “ESPIANDO ILUSTRADORES” NA CASA DAS CAMPÁS está aberta ó público en horario de 10.30-13.00 e de 18.00-20.30. Permanecerá exposta ata o vindeiro 17 de febreiro.
É unha selección de traballos dos oito ilustradores que imparten as “Clases Maxistrais de Ilustración” que se desenvolverán na Casa das Campás os días 8, 9 e 10 de febreiro. Obras de Pablo Amargo, Rui de Oliveira, Miguelanxo Prado, Miguel Calatayud, Arnal Ballester, Noemí Villamuza, Isidro Ferrer e Pep Montserrat.
· 18.30 HORAS. PRESENTACIÓN EDITORIAL. “O GARABATO AGAPITO”, DE LUCÍA CATOIRA PAN. Coa videcana da Facultade de Belas Artes, Isabel Rueda e a profesora de Didáctica das Artes Plásticas da Facultade de Belas Artes, Paloma Cabello.
O Salón do Libro edita este conto escrito e ilustrado por Lucía Catoira. O traballo é foito dun proxeto de aula dirixido pola profesora Paloma Cabello que consistía en crear un libro ilustrado en formato libre. Este de Lucía Catoira preséntase nunha caixa. Segundo a súa autora é un exercicio de educación artística para os nenos que pretende ensinar que os garabatos nas paredes forman parte da súa expresión máis persoal.
· 18.30 HORAS. OBRADOIRO: COMO SE FAN OS BOLECHAS. Con Pepe Carreiro.
· 20.00 HORAS. ACTUACIÓN DO GRUPO DE PERCUSIÓN DA BANDA DE MÚSICA DE PONTEVEDRA.
· 21.00 HORAS. CONTOS DE MEDO E LUME. Coa contadora Soledad Felloza e o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. No Pazo da Cultura. Prezo 3 euros con consumición mínima.
VISITAS E ACTIVIDADES PARA ESCOLARES
· Visitas guiadas á exposición “¡Que viene el Coco!”, na Biblioteca Pública (10.00-13.00). A mostra pódese visitar libremente no vestíbulo da Biblioteca ata o 3 de marzo en horario de 9 a 21 horas de luns a venres, os sábados de 9 a 14.
CEIP Praza de Barcelos, EEI Os Campos, Monteporreiro.
· Visitas guiadas no Pazo da Cultura para alumnos de colexios e de institutos de Pontevedra e a súa comarca (10.30-11.30, 12.30-13.30 aprox.). Hoxe desde os seguintes centros:
CEIP Vilaverde, EEI Verducido, CEP Riomaior, CEIP Viñas, CEP Marcos da Portela, CEIP Barcelos.
· 11.30 HORAS. GALITOON: “GOLULÁ”. Para os alumnos de: CEIP Campolongo, CEIP A Xunqueira I, CEIP de Lourido, CPR Nuestra Señora de los Dolores, CEIP Pedro Antonio Blanco Rodríguez, CPR Xoan XXIII.
· Obradoiros e contadas para os escolares en horario de mañá (10.00-12.30 aprox., dobre sesión). Continúan Pavís Pavós, David Pernas, Raquel e Galitoon contando contos. Tamén seguen os obradoiros (literatura con Tagen Ata, ilustración con Itziar Ezquieta e Noemí López e música con Antón Castro).
· 10.00 e 11.45 HORAS. Tamén recibiremos a visita dun grupo de estudiantes do ciclo de educación infantil do IES A Xunqueira I.
ACTIVIDADES PARA ADULTOS
(HOXE REMATAN OS OBRADOIROS)
· ANIMACIÓN Á LECTURA: A VOLTAS CO CONTO. Con tódalas relatoras que impartiron este seminario: Pavís Pavós, Raquel Méndez, Eva Mejuto, Elena Paz e Estela Mariño
· LITERATURA... DE MEDO. Con Ana María Machado (única sesión).
· ILUSTRACIÓN: ONDE ESTÁ A EMOCIÓN. Con Noemí Villamuza.
· A MÚSICA GALEGA NA ESCOLA. Con Paulo Nogueira e Magoia Bodega.
CLASES MAXISTRAIS DE ILUSTRACIÓN
Na Casa das Campás (ata o sábado 10 de febreiro). Entrada gratuita previa inscrición.
· 17.30 HORAS. MIGUELANXO PRADO “FONDURAS NARRATIVAS”.
Indiscutidamente, o autor máis importante na historia da banda deseñada galega. Comezou na pintura e a finais dos setenta iniciou a súa andaina no cómic, participando en 1979 na fundación do fanzine "Xofre". Colaborou en revistas como "Creepy", "Comix Internacional" e "Zona84". En 1985 publicou "Fragmentos da Enciclopedia Délfica", o seu primeiro álbum en solitario, ao que seguiría "Stratos" en 1987. Realizou para o magazine "El Jueves" a serie "Quotidiania Delirante" que duraría varios anos. En 1990 publicou o seu álbum máis celebrado, "Trazo de xiz", que obtivo repercusión internacional. Outros aclamados álbumes seus son "Stratos" ou "Tanxencias". Con guións alleos realizou bandas deseñadas como "Pedro e o lobo", ou a serie "O manancial da noite". Foi o creador do Xabarín da TVG e todos os personaxes da serie "Os vixilantes do Camiño". En 1998 foi requerido pola factoría americana Dreamworks para deseñar os personaxes da serie de animación "Men in Black". Ese mesmo ano entrou a dirixir a revista sobre banda deseñada "Elipse", editada pola Consellería de Cultura e da que só saíu un número. Tamén desde 1998 dirixe o salón "Viñetas desde o Atlántico". En 2003 viu a luz a súa colaboración co famoso guionista de Sandman, Neil Gaiman, no libro colectivo "Noites eternas". Por tódalas súas obras recibiu numerosos premios tanto españois e internacionais, que o recoñecen como un dos grandes a nivel europeo.
· 19.00 HORAS. MIGUEL CALATAYUD “POETA EN LA LUNA”. Licenciado en Belas Artes, cursou estudos nas especialidades de Pintura e Gravado. Desde 1970 realiza ilustracións para libros infantís e xuvenís ademais de carteis, cubertas, imaxes para prensa, banda deseñada, campañas institucionais, etc. Premio Lazarillo de ilustración por “Cuentos del año 2100” (1974); Premio Nacional de Ilustración de Libros Infantiles y Juveniles por “Una de indios y otras historias” (1989) e por “Libro de las M'alicias” (1991); Premio IV Concurso Internacional de Ilustración Fundación Santa María por “El árbol inquieto” (1993); Premio a la Mejor Obra en el XVI Saló Internacional del Còmic de Barcelona por “El pie frito” (1998); candidato por España ó Premio internacional Andersen (2000); Premio Llibres millor editats a la Comunitat Valenciana —libro en castelán mellor ilustrado— por “Tres viajes” (2006). Participou en numerosas exposicións colectivas, como as recientes do MUVIM de Valencia: D'après (versions, ironies i divertiments) e 17 libros para nenos ilustrados (2005). Entre as individuais podemos destacar: “Miguel Calatayud, retrospectiva de obra gráfica”, Fundación Luis Cernuda, Museo de Arte Contemporáneo de Sevilla (1986) e “L'aventura del dibuixant”, Sala Parpalló, Diputació de València (1995). Ilustrador de “Viaje en autobús”, de Josep Pla, “La casa de Lúpulo o el arte de comer”, de Julio Camba, e “La Guardia Real en su Historia”, en edicións especiais da Fundación Wellington (2003-2004).
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra