Venres, 9 de febreiro de 2007
ACTIVIDADES ABERTAS Ó PÚBLICO
· 11.00 HORAS. PRESENTACIÓN EDITORIAL. “NIÑA BONITA” DE ANA MARÍA MACHADO. Coa presenza da autora e de Pablo Larraguíbel, director de Ekaré Ediciones Europa.
· 12.00 HORAS. ACTUACIÓN DO GRUPO MAMÁ CABRA: “CARTAS QUE VEÑEN E VAN”. AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA. PREZO 1,50 EUROS. A PARTIR DE 4 ANOS.
“Cartas que veñen e van” é o título do último traballo editado polo grupo galego de música para público infantil Mamá Cabra. Trátase dun libro-CD con 10 cancións da profesora da Facultade de Educación de Pontevedra Susa Herrera arranxadas por Gloria Mosquera, unha das creadoras do grupo, e nas que participan poñendo as voces a Asociación Pedagóxico-Musical “Soutullo”, a partir dun seminario de música dirixido pola propia Susa Herrera. Cancións saídas de contos que veñen a presentar en directo nun concerto para toda a familia previo á clausura do VIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Mamá Cabra é un grupo composto por sete músicos na súa formación habitual. A súa primeira actuación data de marzo de 2000 e desde ese día teñen editado 3 traballos máis este último que veñen a presentar a Pontevedra. O seu repertorio mestura temas propios con poemas musicados de poetas de recoñecido prestixio. Máis información en www.mamacabra.com
· 13.15 HORAS. ACTO DE CLAUSURA. SALÓN DE ACTOS DO PAZO DA CULTURA. Homenaxe a Bernardino Graña, polo escritor Xavier Puente Docampo, intervencións do director xeral de creación e difusión cultural da Xunta de Galicia, Luís Bará, e da concelleira de cultura de Pontevedra, María Xesús López Escudeiro. Actuación da Aula Folque Infantil de Pontevedra.
Tres nenos de 4º de Primaria do CEP Xunqueira II (Sara, Andrés e Miguel) conducen o acto dando conta de actividades e espectáculos nos que participaron neste oitavo Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra ó tempo que van dando paso ás intervencións e discursos.
· 21.00 HORAS. TEATRO PRINCIPAL. CONCERTO DE LUÍS PASTOR E JOAO AFONSO. Prezo 5 euros.
O cantautor Luis Pastor (Cáceres, 1952), un dos emblemas da canción protesta, ven presentar en Pontevedra, ó abeiro do Salón do Libro Infantil e Xuvenil o seu último traballo, un dobre CD cantando en castelán e portugués “En esta esquina del tiempo / Nesta esquina do tempo”. Consta de catorce poemas do Nobel portugués José Saramago, musicados por Luis Pastor e coa colaboración do artista mozambicano Joao Afonso, experto na fusión de ritmos africanos e da tradición popular portuguesa, e da cantante madrileña Pasión Vega, unha das novas voces da copla. Pastor e Afonso, acompañados por unha banda de músicos, actuarán no Teatro Principal de Pontevedra o sábado 10 de febreiro ás 21 horas. As entradas pódense adquirir dúas horas antes do inicio do espectáculo nas billeteiras do Teatro ó prezo único de 5 euros.
· EXPOSICIÓN “¡Que viene el Coco!”, na Biblioteca Pública (10.00-13.00). A mostra pódese visitar libremente no vestíbulo da Biblioteca ata o 3 de marzo en horario de 9 a 21 horas de luns a venres, os sábados de 9 a 14.
· Lémbrovos que as visitas guiadas no Pazo da Cultura para alumnos de colexios e de institutos de Pontevedra e a súa comarca (10.30-11.30, 12.30-13.30 aprox.) continuarán ata o vindeiro 2 de marzo con obradoiros e contadas.
CLASES MAXISTRAIS DE ILUSTRACIÓN
Na Casa das Campás (ata o sábado 10 de febreiro). Entrada gratuita previa inscrición.
· 11.00 HORAS. ARNAL BALLESTER, “NON TEÑO VERBAS”.
Desenvolveu a maior parte do seu traballo no campo editorial, como ilustrador de libros – son xa máis de cincuenta – e como portadista. En 1993 foille outorgado o Premio Nacional de Ilustración de Libros para Niños do Ministerio de Cultura, en 1994 o Illustrator of the Year Award da Fiera del Libro per Ragazzi di Bologna – UNICEF e en 1995 o Premio da Crítica “Serra d’Or” nos tres casos polo seu traballo na serie “Los artísticos casos de Fricandó” (Edicións Destino), concebida para achegar a arte contemporánea ao mundo infantil. En 1996 foi un dos 30 ilustradores mundiais seleccionados para a exposición conmemorativa do 30 aniversario da Feira de Bolonia, “The Secret Garden”. En 2005, foi seleccionando para a mostra “Ilustrísimos. Panorama de la ilustración infantil y juvenil en España”, que se expuxo na Feira do Libro de Bolonia con motivo da participación de España como país invitado. Esa mostra permanece exposta no vestíbulo do Pazo da Cultura de Pontevedra como parte das actividades do VIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Nos anos recentes a ilustración de prensa foi o seu principal campo de actividade profesional, colaborando en distintas publicacións periódicas españolas (“El País”, “El Mundo”, Grupo Z…) e doutros países (“International Herald Tribune”…). Tamén publicou libros de imaxes para adultos (“Vista Cansada”, Edicións Sinse Ntido 2001), que recolle os seus debuxos de marxe. Estes foron obxecto duna exposición que co mesmo nome recorreu Barcelona, París, Sevilla, Madrid e Bogotá. Tamén mantivo a súa presenza no campo da literatura infantil co libro de naración en imaxes “No tinc Paraules” (Mediavaca 1998) – Selección White Raven 2001-, ou os máis recentes “Chamario” – libro de rimas infantís do poeta venezolano Eugenio Montejo, publicado por Ediciones Ekaré (Caracas 2004)-, e “Bestiarara” (con texto do ilustrador e editado por Orecchio Acerbo, Roma 2003). Desde 2002 entrou no mundo da animación, realizando obra para a plataforma Digital +, a fundación Caixa de Catalunya e o Festival de Cortos de Animación de Barcelona, Xinacittà. O seu molinete “Amigo Hulot” (Digital +) foi selección oficial no Festival de Annecy 2005 e obtivo o premio Junceda de animación na edición de 2004. Na de 2006 obtivo unha mención especial pola súa serie de lufadas para o festival Xinacittà 2005. É profesor na Escola Massana d’Art i Disseny de Barcelona.
· 12.30 HORAS. NOEMÍ VILLAMUZA “DONDE ESTÁ LA EMOCIÓN”.
· 17.30 HORAS. ISIDRO FERRER “KONIEC”.
Diplomado en arte dramática e escenografía, ilustrador e deseñador gráfico conta con máis de vinte libros publicados. Expuso individualmente en Madrid, Xixón, Lisboa, Rouen, Bogotá, Quito, Turín, París e México DF. Premio Nacional de Deseño (2002) e Premio Nacional de Ilustración (2006). É membro da Alianza Gráfica Internacional (AGI).
· 19.00 HORAS. PEP MONTSERRAT “ORFEO E EURÍDICE”.
Ilustrador e grafista, graduado en procedementos pictóricos en Llotia, Barcelona. Como ilustrador infantil ten numerosos libros publicados, algúns dos cales foron distinguidos con premios coma o Nacional do Ministerio de Cultura (1995), o Internacional de Catalònia (1997), o da Generalitat de Catalunya (1998), a inclusión na Lista de Honra do IBBY (1998) ou o Premio da Fundación Santamaría (2006). No 2005, o seu traballo expúxose na Mostra de Ilustradores españois na Feira de Bolonia (2005). Como ilustrador de prensa publicou habitualmente nos periódicos Avui (1997-98), La Vanguardia (1997-2002) ou El País (2002 ata a presente) en España; así como en The Chicago Tribune (2003) e The Wall Street Journal (2003 ata a actualidade) en EE.UU. Tamén colabora puntualmente con The New York Times ou The Boston Globe, entre outros. Así mesmo, ten realizado deseños de ilustración para algunhas revistas como Quéleer, Woman, Cuerpo y mente, Playboy ou Ser Padres, en España. En canto ás revistas internacionais, son destacables as ilustracións que ten achegado a The New Yorker, Harper’s Magazine ou Travel&Leisure, en EE.UU. En 2005 recibiu dous galardóns do Premio Junceda da Associació Profesional d’il-ilustradors de Catalunya polo conxunto do seu traballo publicado aquel ano no suplemento dominical de El País e polo libro “Turandot”, publicado por Hipòtesi. Participou xunto coa escritora Montse Ganges na creación de “miniman” (2002), unha serie de animación producida por Cromosoma. Tamén foi director de arte de Edicions de la Magrana (1995-2000) Dende 1998, imparte talleres de ilustración na escola Massana de Barcelona, actualmente compartidos con Arnal Ballester e Alexis Rom. Acaba de finalizar un proxecto para a editorial Simon&Schuster, NY, e tamén nos EE.UU. apareceu en marzo do 2006 o primeiro libro escrito e ilustrado por el mesmo, “Ms Rubinstein’s beauty”, publicado por Sterling Publishers.
· EXPOSICIÓN “ESPIANDO ILUSTRADORES” NA CASA DAS CAMPÁS está aberta ó público en horario de 10.30-13.00 e de 18.00-20.30. Permanecerá exposta ata o vindeiro 17 de febreiro.
É unha selección de traballos dos oito ilustradores que imparten as “Clases Maxistrais de Ilustración” que se desenvolverán na Casa das Campás os días 8, 9 e 10 de febreiro. Obras de Pablo Amargo, Rui de Oliveira, Miguelanxo Prado, Miguel Calatayud, Arnal Ballester, Noemí Villamuza, Isidro Ferrer e Pep Montserrat.
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra