Prensa

Arquivo

Gabinete de prensa

Teresa Cuíñas Lavandeira
prensa@salondolibro.org
Teléfono 645 106 103

UNHA HOMENAXE Ó ESCRITOR BERNARDINO GRAÑA PECHA A OITAVA EDICIÓN DO SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA

Sábado, 10 de febreiro de 2007

O escritor Bernardino Graña recibíu esta tarde a homenaxe calurosa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra nun acto que congregou no Pazo da Cultura unha nutrida representación institucional e numeroso público. Tres alumnos de 4ª de Primaria do CEP A Xunqueira II exerceron de presentadores ó tempo que narraban as súas peripecias nesta semana do Salón. A actuación dos nenos e nenas da Aula Folque Infantil de Pontevedra aportou o peche musical do acto. Primeiro tomou a palabra o escritor Xabier Puente Docampo, quen empregou o abecedario para facer unha loubanza do poeta de Cangas. Foron para el o “a” de amizade, o “b” de bonomía, o “c” de Cangas, o “g” de Galicia e así ata chegar ó “z”, letra que Puente Docampo deixou baleira para que, dixo, “nunca esgotemos as palabras, Bernardino”. O director xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Luís Bará, lembrou que, a pesar de que este acto clausuraba oficialmente o Salón, as súas portas seguen abertas ata o 4 de marzo. Efectivamente, as actividades de obradoiros, contadas e cinema para escolares seguirán enchendo o Pazo da Cultura polas mañás, mentres que as tardes serán para visitar libremente a exposición do Salón. Bará asegurou que o Salón “durará moitos anos máis porque hai moita xente que quere que así sexa” e estendeu as palabras de agradecemento ós convidados e relatores deste ano que “pertencen xa ó círculo de afectos e amizades do Salón”. Na sala estaban presentes as brasileiras Ana María Machado e Beth Serra, escritora e secretaria da Fundación Nacional para o Libro Infantil e Xuvenil de Río de Xaneiro respectivamente, o delegado do Instituto Camoes, Samuel Rego, e maila representante do Ministerio de Cultura de Portugal, Helena Gil. Nestas persoas, e na do ilustrador Rui de Oliveira é como se concretou a escolla de Brasil como país convidado por vez primeira no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Luís Bará asegurou que a cita pontevedresa cos libros non remata na cidade senón que se estenderá a toda Galicia a través das “Semanas dos Libros”, que darán comezo a partir do vindeiro mes de marzo no Concello de Moaña. A concelleira de cultura de Pontevedra, María Xesús López Escudeiro, agradeceu a resposta da cidadanía e o traballo do equipo organizador do Salón do Libro, que ten á fronte á asociación Máislibros e á Asociación Socio-Pedagóxica Galega. A edil fixo entrega dun gravado de madeira a Bernardino Graña. O escritor confesou sentirse “por debaixo dos vosos soños” e arrincou as gargalladas da concorrencia con un rotundo “non podo con Bernardino Graña”. Asegurou que seguirá escribindo para contar historias pero lembrou que a primeira lección que recibíu foron as historias e as lendas que lle narraba a súa madriña. Por iso, recoñeceu, “os que escribimos andámoslle plaxiando ó pobo”. Con humildade rematou dicindo que seguirá traballando e publicando libros pero “cando considere que non conto nada importante deixarei de escribir”.

BALANCE PROVISIONAL As cifras definitivas coñecerémolas despois do vindeiro 4 de marzo, data do peche definitivo desta oitava edición do Salón do Libro, pero podemos adiantar algo. O ano pasado fomos visitados por 18.000 persoas no mes en que permaneceron expostas as exposicións e contando o público da “semana grande de actividades”. Nese tempo, 4.000 escolares de Pontevedra e comarca participaron de visitas guiadas, obradoiros e contadas. Este ano poderán ser máis de 6.000 alumnos dos colexios e teremos que sumar tamén ó público da exposición “¡Que viene el Coco!”, no vestíbulo da Biblioteca Pública ata o 3 de marzo e os asistentes ás “Clases Maxistrais de Ilustración”, que se celebraron na Casa das Campás.

© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra