Prensa

Arquivo

Gabinete de prensa

Teresa Cuíñas Lavandeira
prensa@salondolibro.org
Teléfono 645 106 103

4.000 escolares da bisbarra pontevedresa visitaron o Salón na súa “semana grande”. O escritor Xabier Puente DoCampo recibe a homenaxe do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Sábado, 2 de febreiro de 2008

Pontevedra, 2 de febreiro de 2008 O director xeral de creación e difusión cultural da Xunta de Galicia, Luís Bará, e maila edil de cultura do Concello de Pontevedra, Lola Dopico, clausuraron este mediodía o IX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra no decurso dun acto conducido pola compañía teatral galega Galitoon. A estrea do espectáculo Baby Glub, un canto á tolerancia e ao respecto polas diferenzas dirixido ao público infantil, foi seguida da actuación de Ugía Pedreira, Guillerme Fernández e Xabier Díaz, Tres peixes voando, que fixeron o peche musical desta celebración.

Nas súas intervencións, Bará e Dopico loubaron a traxetoria profesional e persoal de Puente DoCampo. O director xeral de creación e difusión cultural manifestou que “a obra de Xabier é un bo espello do camiño andado pola literatura galega nas últimas décadas, da capacidade creativa e produtiva das nosas letras”. Luís Bará anunciou a posta en marcha, por segundo ano consecutivo, das “Semanas do Libro”, unha iniciativa que achegará os contidos do Salón pontevedrés a 50.000 persoas de toda Galicia. Estes encontros coa lectura percorrerán, desde o vindeiro mes de abril e ata xaneiro do 2009, as vilas de Oleiros, Carballo, Noia, Moaña, O Porriño, Tui, Allariz, Monforte e Viveiro. Unha travesía que, segundo anunciou, “tamén levará o Salón a importantes foros internacionais do libro, entre eles as principais Feiras europeas (Boloña, Líber, Londres, Frankfurt) e na que terá protagonismo especial a exposición sobre o album ilustrado galego da última década, unha produción da Consellaría de Cultura e a Asociación Máis Libros para o Salón, que se exhibirá ao longo dos próximos meses en Portugal, Catalunya, Boloña, Munic e outras cidades de Europa e América para dar a coñecer ao mundo a calidade e a puxanza da edición, da ilustración e da creación literaria galega”. Esta andaina terá a súa primeira e principal escala en Cuba, “feira onde Galicia ten a honra de ser cultura convidada de honra”.

A concelleira de cultura pontevedresa, Lola Dopico, agradeceu aos organizadores do Salón o “grande esforzo de levantar esta cita anual cos libros”, así como ao público asistente ás súas actividades. “Este é un proxeto aberto, colectivo e participativo no que hai moitas vontades”, asegurou, ao tempo que emprazou aos presentes ao ano que vén, no que o Salón cumprirá a súa décima edición.

A homenaxe ao escritor chairego Xabier Puente DoCampo foi o momento máis emocionante da xornada. A autora pontevedresa Fina Casalderrey dedicoulle unha semblanza inzada de palabras agarimosas e a complicidade de moitos anos de travesía. “Capitán de retranca intelixente e Simbad insubmiso”, chamoulle Fina a Xavier, nun discurso no que foi debullando a andaina vital de DoCampo, o seu compromiso coa lingua, o ensino, o país e os nenos. “Elevaches a narración oral á categoría de arte”, declaroulle.

Xabier Puente DoCampo asegurou, moi emocionado, que “o único verdadeiramente importante son as persoas que me len”. O escritor fixo súas as palabras de García Márquez, quen ten dito iso de “escribo para que me queirades máis e parece que o vou conseguindo”. “Escribo para lerme, porque se non me leo non me coñezo, non sei quen son se non escribo”, confesou DoCampo. O autor deulle un aviso ao público que se deu cita no Salón de Actos do Pazo da Cultura, en especial aos nenos: “non deixedes que vos rouben o país, que volo están roubando”. Dirixíuse, de seguido, aos pais para avisalos de que “aínda estades a tempo, antes de que os vosos fillos vos boten en cara que lles roubastes a lingua. O día que a perdamos non seremos ninguén”, manifestou.

O acto de clausura desenvolvido este mediodía no Pazo da Cultura de Pontevedra puxo fin a unha intensa semana de actividades do noveno Salón, dedicado ao mar e á literatura infantil e xuvenil da illa de Cuba. Ao longo dos seis días pasados, o edificio converteuse nun barco que navegou por un mar de actividades para público de todas as idades. Obradoiros, contadas, espectáculos e visitas guiadas para escolares en horario de mañá, e conferencias, concertos, obras de teatro e clases maxistrais en horario de tarde, amais de actividades específicas para os públicos adulto e xuvenil, encheron esta nave de entusiastas tripulantes. Nun primeiro cálculo, podemos avanzar que durante os cinco días lectivos que nos precederon ata hoxe, 4.000 escolares da bisbarra pontevedresa visitaron o Salón do Libro Infantil e Xuvenil acompañados polos seus profesores.

Resta moito Salón aínda para eles, xa que ata o vindeiro 16 de marzo, as súas portas están abertas para os estudantes e para todos os visitantes que ata aquí se acheguen. Atoparán os traballos de aula confeccionados por alumnos e alumnas de 52 centros de ensino de Pontevedra, as exposicións dos ilustradores que impartiron os obradoiros para nenos e adultos, unha panorámica sobre a última década do álbum ilustrado galego, a escolma Vaidemar realizada pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), as fotografías de Anxo Cabada, as Cousas do mar seleccionadas pola Asociación Máislibros, e os espazos ambientados pola Facultade de Belas Artes, a Escola de Canteiros, o Bacharelato Artístico do IES A Xunqueira I, Quartoescuro Teatro e a Escola de Tempo Libre Paspallás, colectivos que puxeron a súa creatividade e bo facer ao servizo do Salón. Sen esquecernos das portadas de libros que imaxinaron ilustradores de todo o mundo e que se poden contemplar na Biblioteca Pública, así como a suxerente pintura mariña de Antón Sobral na Galería Sargadelos. Asemade, no recanto da lectura, seguen disponibles para a libre consulta os títulos cedidos ao Salón por algunhas editoriais galegas e do Estado (Galaxia, Ir Indo, Xerais, Oqo, A Nosa Terra, Laiovento, Anaya, SM, Pearson Educación, Everest, Destino/Timun Mas/Planeta Junior, Alfaguara/Altea, Kokinos, Sieteleguas, Sotelo Blanco, Hiperión, Fondo de Cultura Económica, Baía, Zendrera Zariquiey, Lea, Toxosoutos, Factoría K, Norma Cómic, Sin Sentido).

Esta despedida á que asistimos hoxe no Pazo da Cultura é, en certo modo, simbólica, xa que os escolares de secundaria que participaron no Salón co seu traballo de aula, asistirán a un obradoiro de curtas con móbil impartido por Mr. Misto (8-12 febreiro). E, durante todos os xoves do presente mes, prosegue no Teatro Principal el ciclo audiovisual que o Salón presenta como unha das súas novidades deste ano. As proxecións de Santa Liberdade, documental dirixido por Margarita Ledo; As cores do mar de Galicia, documental dirixido por Manuel Uhía; O barco da memoria, dirixido por Marcos Gallego, e a proba de traballo de Cartas italianas, o novo filme do realizador pontevedrés Mario Iglesias, estarán precedidas por mesas redondas nas que intervirán os equipos artísticos dos filmes. A entrada para esta actividade é de balde.

© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra