Xoves, 11 de febreiro de 2010
Este traballo leva por varios países de Europa unha maleta con contos en diferentes idiomas para que os nenos coñezan diferentes culturas.
A editora OQO presentou hoxe no Café Moderno de Pontevedra o seu proxecto 'Contos do camiño', un traballo co que están a levar por toda Europa contos que se recolleron en diferentes lugares de Galicia polos que pasa o Camiño de Santiago. Esta presentación forma parte dos actos do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que ata o vindeiro 14 de marzo se está a desenvolver na cidade.
OQO presentou o proxecto como unha maleta chea de contos que comezou a circular no mes de xaneiro por Portugal e que neste momento se atopa en Burdeos. En marzo o programa regresará a Portugal, en abril estará en Madrid e xa en maio chegará a Santiago de Compostela.
'Contos no camiño' é un proxecto que se iniciou hai tres anos e no que participaron máis de 15.000 nenos galegos. O obxectivo era chegar a un punto de encontro entre diferentes países, culturas e idiomas a través do Camiño de Santiago, o percorrido no que se atopa xente moi diversa que durante o día camiña e pola noite espanta o medo e o frío con contos. Pero con contos que non só son de Galicia, senón que proveñen dos lugares de cada un dos camiñantes, e que fan de Galicia unha terra cunha gran cultura do conto.
Unha vez rematado o proxecto, o que máis importa a OQO é que non quede nun caixón. Que non teña un punto e final, un remate. Por iso espera que as escolas amosen a súa colaboración e continúen a traballar co material da editora nos centros educativos. A presentación do proxecto rematou esta tarde coa proxección do conto A princesa do Caurel, unha das historias que tamén está a circular por toda Europa na maleta de Contos do camiño.
© 2006–2011 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra