Presentación da IX edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Presentación da IX edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

xoves, 17 de Xaneiro de 2008

A novena edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra presentouse hoxe en Pontevedra no decurso dun acto musical e literario que tivo como fío condutor o libro Filla das ondas (Kalandraka, 2003), da autora pontevedresa Fina Casalderrey. As intervencións da Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Lola Dopico, e da secretaria da delegación provincial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Olga Lema, estiveron acompañadas pola lectura dos textos inspirados nalgúns dos recantos máis sobranceiros da cidade monumental. No acto participaron tamén alumnos do CEIP Froebel, o CEE Príncipe Felipe, a EEI Verducido e o CEP A Xunqueira II, que interpretaron unha danza na Casa da Luz arroupados polos sons dun conxunto de música tradicional.

O mar é o motivo principal desta edición, na que as letras cubanas son as nosas convidadas, anticipando a presenza de Galicia como cultura convidada na próxima celebración da Feira do Libro de La Habana. O protagonismo de ilustradores, autores e investigadores da literatura infantil e xuvenil da illa quedará patente en intervencións de especialistas cubanos e mais na exposición que escolmará algúns dos traballos máis sobranceiros neste eido. O escritor e mestre Xabier Puente Docampo, ademais da súa participación activa no evento, recibirá a homenaxe agarimosa do Salón pontevedrés como un dos autores máis importantes das nosas letras.

Á celebración da lectura acodirán figuras representativas da literatura galega actual como Rosa Aneiros, Marta Dacosta, Miguel Vázquez Freire, Paco Martín e Yolanda Castaño. Entre os nosos convidados, podemos citar á profesora e escritora catalana Teresa Durán e ó director de Anaya Infantil e Xuvenil e fundador da revista infantil Babar.

A piques de facer unha década servindo de estímulo á aventura de ler para pequenos e grandes, o Salón do Libro de Pontevedra segue ampliando horizontes. O Teatro Principal acollerá unha variada mostra audiovisual con proxecións de clásicos e estreas de actualidade galegas e internacionais que será complementada con mesas redondas nas que tomarán parte os equipos dos filmes en moitos casos, así como especialistas en diversas temáticas que aportarán aos espectadores as súas impresións sobre as películas. Mantense, asemade, a aposta pola diversificación de espazos, con senllas exposicións na Biblioteca Pública e na Galería Sargadelos.

No tocante ao público, medra o número de actividades de libre asistencia, a oferta de obradoiros concertados cos colexios (coa inclusión de talleres de danza e de poesía) e as propostas de ocio para a noite. Nesta ocasión, incorporánse tamén senllos obradoiros de pintura e de plastilina, procuramos dar maior pulo sector do público xuvenil mediante actividades como un laboratorio de curtas feitas con teléfonos móbiles e un obradoiro de grafitti e as noites terán un reservado par ao humor e a boa música no pub La Cabaña. E, segundo o costume do Salón de Pontevedra, non faltarán o teatro, os contos e as propostas musicais, completando unha programación de ocio e de lecer para esta festa das letras salgadas.

Nesta novena edición, as exposicións no Pazo da Cultura permanecerán abertas ao público polas tardes ata o vindeiro 16 de marzo.