A sétima edición do Salón do Libro de Pontevedra recibirá a visita de 4000 escolares da comarca

A sétima edición do Salón do Libro de Pontevedra recibirá a visita de 4000 escolares da comarca

venres, 20 de Xaneiro de 2006

Na presente edición, que se celebrará entre o 5 e o 11 de febreiro, participarán escritores como Ana María Matute e o recente Premio Nacional de Literatura Infantil 2005 Antonio Rodríguez Almodóvar.

A sétima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra agrada a visita de 4.000 estudiantes procedentes dos centros educativos da comarca. 6 centros de secundaria e 32 de infantil e primaria teñen garantida a súa participación nas 13 xornadas de obradoiros para escolares: o obradoiro de escrita que impartirán Tagen Ata; o de ilustración a cargo de Noemí López e de Kiko da Silva, autor da mascota do Salón, o Lobo Orbil; un novedoso obradoiro de medio ambiente que dirixirán Papventos e os espectáculos de contacontos con Pavís Pavós, Raquel, Regueifeiros e David Pernas, o primeiro contador en masculino que participa no Salón. Con todo, as visitas concertadas para escolares se seguirán programando ata o vindeiro 3 de marzo, data na que o Salón pecha as súas portas por este ano.

Son algúns datos que se puxeron enriba da mesa hoxe en Pontevedra, na rolda de prensa celebrada no Concello. A edil de cultura, María Xesús López Escudeiro salientou o seu carácter colectivo como característica esencial e diferenciadora da cita pontevedresa cos libros. A concelleira significou tamén cómo o Pazo da Cultura cobra vida coa escenografía que aporta a celebración do Salón, que transforma o seu interior e manifestou a importancia deste evento na política cultural do Concello, como entidade promotora. María Xesús López Escudeiro asegurou que o Salón é xa un referente internacional no eido da literatura infantil e xuvenil, feito que fai necesaria amplia-la súa proxección exterior e que motivou que a semana pasada fose presentado en Madrid en senllos actos celebrados na Residencia de Estudiantes e na Casa de Vacas do Parque do Retiro, coincidindo tamén coa celebración do Salón do Libro Infantil de Madrid.

María Encinas, en representación dunha das entidades colaboradoras, a Fundación Caixa Galicia, asegurou o interese desta institución en apoia-lo Salón. “É unha actividade xa consolidada e fabulosa que abrangue dous aspectos moi importantes para nós –engadíu Encinas-, trátase dun evento cultural que se dirixe á infancia e á mocidade”.

En representación doutra administración promotora, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, intervíu a delegada provincial de cultura, Marta Souto. Souto puxo de relevo que é a primeira vez que a Xunta participa na organización do Salón, “unha aventura apta para tódolos públicos –manifestou-, coa que a Consellería tiña que estar”. Souto asegurou o éxito desta sétima edición por canto se trata dun evento consolidado no panorama nacional e fóra das nosas fronteiras que facilita ó acceso da sociedade ós libros”.

A coordinadora do Salón, Helena Torres, explicou o artellamento do Salón. Unha cita na que importa tanto o que se conta como o xeito no que se relata. Por unha banda, o espazo físico do Pazo da Cultura aparece transformado dacordo co tema elexido, nesta ocasión, a Natureza. As decoracións e as exposicións, moitas delas feitas en exclusiva para o evento, como a realizada cos traballos dos escolares, crean un ambiente máxico, “de conto”. Tamén as actividades, conferencias, obradoiros para nenos e maiores e espectáculos teñen na Natureza o seu motivo principal. Torres ofreceu unha escolma das personalidades que intervirán nesta sétima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra: os escritores Ana María Matute, Antonio Rodríguez Almodóvar, Ramón Caride, Carlos Reigosa, Francisco Fernández Naval, así como os ilustradores Pablo Amargo e Kiko da Silva, entre outros.

Susana Trigo, en representación doutra entidade promotora, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, agradeceu a excepcional resposta da comunidade educativa, o que vai propiciar que uns 4.000 escolares visiten o Salón, a razón de 500 por día. Esta masiva afluencia de público infantil xa asegurado, vai requerir, afirmou “un esforzo especial de coordinación e de monitores” que o Salón afronta con entusiasmo porque nel colaboran máis dunha trintena de colectivos e de persoas que, a título individual tamén, aportan ilusión, ideas, experiencia e traballo. Trigo indicou que a escolla da Natureza como fío argumental pretende formar ós pequenos lectores como cidadáns do futuro comprometidos co seu entorno e co máis importante patrimonio da humanidade