Teatro, poesía e presentacións editoriais na terceira xornada do Salón do Libro. O alcalde de Pontevedra visitará mañá mércores o Salón acompañado pola edil de cultura

Teatro, poesía e presentacións editoriais na terceira xornada do Salón do Libro. O alcalde de Pontevedra visitará mañá mércores o Salón acompañado pola edil de cultura

martes, 29 de Xaneiro de 2008

Pontevedra, 28 de xaneiro de 2008 Cómicos, actores e músicos desembarcaron no peirao do Pazo da Cultura para levar as súas artes ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Markeliñe puxo en escena a obra Los domingos no hay piratas, unha montaxe coa que a compañía vasca relata os xogos en compaña de piratas ideados por unha nena que se ve separada da súa avoa cando esta é internada nunha residencia para maiores. A poeta Marta Dacosta relatou outra singradura apaixonante, a da poesía galega inspirada no mar. De fecunda tradición que chega aos nosos días, a palabra poética en galego ten gusto salgado. Indisolublemente ligada ao medio mariño, a vertente lírica das nosas letras descúbrenos significados da moi variada condición nas augas do océano que bica o litoral de Galicia e baña a súa paisaxe.

Na terceira xornada de portas abertas do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra comezaron as presentacións editoriais no recanto da lectura da Sala de Exposicións. A Editorial Galaxia trouxo de regreso ao Salón á escritora Fina Casalderrey, coa presentación do libro Apertas de vainilla, editado por Galaxia. O novo texto da autora pontevedresa conta coas ilustracións de Manuel Uhía para relatar unha historia de amizade entre dous rapaces que viven en cidades diferentes. Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1952) é unha das escritoras máis recoñecidas, traducidas e premiadas no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega. Deuse a coñecer con Mutacións xenéticas (1991), novela á que seguirían, entre outros títulos, Dúas bágoas por máquina (1992, premio Merlín), Chamizo (1994), ¡Asústate, Merche! (1995), O misterio dos fillos de Lúa (1995, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil), O estanque dos parrulos pobres (1996, premio Edebé), ¡Prohibido casar, papá! (1996), ¿Sobrevives? (1996), ¡Puag, que noxo! (1997), O misterio do cemiterio vello (1999), Bicos de prata (2000) e A máscara de palma (2000). Vén de publicar en Editorial Galaxia Apertas de vainilla e Ola, estúpido monstro peludo! A narrativa de Casalderrey distínguese pola súa agudeza na observación e recreación do mundo dos adolescentes, polo realismo dos seus personaxes e situacións e por un ritmo capaz de converter calquera asunto cotián nun relato de suspense. No mesmo espazo, a Editorial Ir Indo presentou o volume Os contos, asinado por José Enrique Abalo Quintela e o colectivo “Ollo de sapo”. Este libro diríxese fundamentalmente ao profesorado, xa que nel se presentan numerosas propostas prácticas para desenvolver na aula distintas habilidades relacionadas cos textos escritos, a partir da utilización dos contos populares galegos como recurso didáctico. Os contos populares como manifestación da narrativa popular transmitida de xeración en xeración teñen un grande valor educativo xa que producen unha sorte de engaiolamento que provoca unha corrente de confianza entre o docente e o alumnado e son un excelente recurso para estimular o vocabulario, a atención e o mundo socio-afectivo e, como consecuencia, a personalidade do alumnado. No volume expóñense diversas actividades pensadas para traballar cos contos: a recolleita, e re-escritura, a produción, a dramatización a comprensión ou a estimulación da expresión oral.

A oferta de exposicións multidisciplinares do Salón do Libro completouse onte coa inauguración da mostra Amar a mar, do pintor Antón Sobral (Marín, 1952) na Galería Sargadelos. Trátase duna colección de paisaxes mariñas acompañadas polos textos poéticos de Xaime Toxo. Artista interesado por todo o relacionado coa cultura: poesía, teatro, música e arte, Sobral exerce na actualidade como profesor de Arte na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia en Pontevedra. No ámbito artístico, desenvolve dende o ano 1968, no que realiza a sua primeira exposición, máis de cen mostras en toda Galicia. Na década dos noventa comeza a realizar mostras en Francia, Alemaña, Cuba, etc., países cos que establece un intercambio internacional de artistas dende a presidencia da Asociación de Artistas Plásticos de Pontevedra. Artista preocupado polo mar. Mariñeiro en terra. Creador de illas máxicas, e inesistentes. Ten certa predilección pola brétema, a choiva, a liña do horizonte, o mar en calma, o mar en movemento. Asemade, no vestíbulo do Pazo da Cultura pódese visitar a exposición Maregrafías, con fotografías de Anxo Cabada (A Estrada, 1957) e textos poéticos de autores galegos contemporáneos, como Lucía Aldao, Fran Alonso, Anxo Angueira, Pepe Cáccamo, Marica Campo, María do Cebreiro, Xosé Daniel Costas, Maite Dono, Marga Do Val, Lucía Durán, Antonio García Teijeiro, María Lado, Basilio Losada, Cristal Méndez, Victoria Moreno, Marisa Núñez, Pilar Pallarés, Chus Pato, Xavier Rodríguez Baixeras, Baldo Ramos, Ana Romaní, Xurxo Souto e Xosé Vázquez Pintor. Como escribe o fotógrafo no prólogo do catálogo da mostra: “son retratos do mar co arrecendo do salitre, retratos de mulleres coa soidade da nostalxia, retratos de voluntarios coa ferida do mar, pero sempre o mar nos ollos ou nas mans das persoas que o senten como loita e traballo, coma a vida que foi, ou como a solidariedade que compartiron”.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitará o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra o mañá mércores ás 12.30 horas no Pazo da Cultura, acompañado pola concelleira de cultura, Lola Dopico. Xa á tarde, ás 19.30 horas, a delegada provincial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, María Xesús López Escudeiro, presentará as intervencións das especialistas cubanas que trazarán unha panorámica ao respeito da literatura infantil e xuvenil na illa caribeña.

MÉRCORES, 30 XANEIRO

· ACTIVIDADES PARA COLEXIOS (pola mañá, concertadas cos centros) -Obradoiros de poesía, ilustración, música, medio ambiente, curtas con móbil e danza. -Contos con Pavís-Pavós, Raquel, Andrea Bayer e Galitoon. -11.30 h, teatro La isla del tesoro, de La Carreta Teatro. (Función para escolares con visita concertada)

o VISITA DO ALCALDE DE PONTEVEDRA, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola edil de cultura, Lola Dopico. 12.30 horas. Sala de Exposicións do Pazo da Cultura.

· OBRADOIROS PARA ADULTOS (pola tarde, previa inscrición) Literatura, Pescando letras con Yolanda Castaño, animación á lectura con Rodorín, danza con Mercedes Prieto e ilustración con Gabriela Rubio.

· ACTIVIDADES ABERTAS AO PÚBLICO -17.00 h, obradoiro de graffiti con Ras. Entrada libre, prazas limitadas. Ras é o alcume de Alexis Parada (A Coruña, 1982). Desde hai varios anos reside en Pontevedra, onde cursa estudos na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo ao tempo que participa en encontros de arte urbana e realiza deseños para organismos públicos e privados. O seu obradoiro contará cunha parte teórica que pretende achegar ao espectador á historia do graffiti desde una perspectiva mundial, europea, española e galega. E cunha vertente práctica para familiarizar aos alumnos coas técnicas e recursos comúns do escritor para realizar as súas obras. Para finalizar, tódolos participantes confeccionarán un mural conxunto.

-17.30 h, obradoiro de animación con plastilina. Con Coke Riobóo. Entrada libre, prazas limitadas. Coke Riobóo ten dedicado a maior parte da súa vida á realización de guións, dirección e creación de filmes de animación. Cómpre salientar o seu último traballo El viaje de Said, premio Goya de animación en 2007. Este recoñecemento non debe, sen embargo, ensombrecer o seu traballo anterior, xa que Coke Riobóo leva traballando neste campo desde o 2001, cando presentou o seu corto de animación “La Telespectadora”. Tras deste inicio viu a serie “Se abre el telón”, un total de 26 episodios realizados para plus.es. Nese mesmo ano encargouse do videoclip de animación Que las noches sean son do grupo El Combo Linga. O seu traballo no cine non se limitou unicamente á dirección e creación plástica, senón que posúe ademais unha pequena colección de bandas sonoras de seu.

-18.30 h, teatro La isla del tesoro, de La Carreta Teatro. Recomendado a partir de 5 anos. Entrada 2 euros. La Carreta Teatro é un grupo orixinariamente de Elxe, localidade na que centra boa parte da súa actividade e na que fundou a primeira sala de teatro infantil privada, creando unha programación regular para escolares, así como un proxeto de produción estable, que asegura a continuidade da calidade dos espectáculos. La Isla del Tesoro é unha obra baseada na novela de R.L. Stevenson na que se tratan temas como o coñecemento próximo da vida e a morte, o valor da amizade, da lealdade e a honestidade, fronte ao egoísmo e a mesquindade. Trátase dun espectáculo cunha forte compoñente musical, arroupado polo ritmo dos monicreques e a interpretación de actores que comparten xogo e fantasía nun mesmo espazo escénico e unha escenografía non realista, que propón e suxire deixando ao espectador espazo para imaxinar.

-18.30 h, presentación do número 12 da Revista Fadamorgana, especializada en literatura infantil e xuvenil. No recanto da lectura, ao fondo da Sala de Exposicións. Intervención do seu director, Xosé Antón Neira Cruz.

-19.00 h, presentación do libro Xeomorfoloxía do litoral galego e formacións costeiras, editado por Ir Indo. No recanto da lectura, ao fondo da Sala de Exposicións. Este libro pretende o desenvolvemento dun programa educativo, destinado ao alumnado de Educación Obrigatoria, co obxectivo de dotar aos colexios dunha ferramenta complementaria que permita difundir o coñecemento do Medio Mariño, mediante uns contidos adecuados ao proxecto curricular dos mesmos.

-19.30 h, conferencia. A literatura infantil e xuvenil en Cuba, con Susana Haug e María Elena Cicard. Presenta: María Xesús López Escudeiro, delegada provincial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Susana Haug é licenciada en filoloxía pola Universidade da Habana e actualmente exerce como profesora da Facultade de Artes e Letras da Universidade da Habana e imparte as asignaturas Apreciación Literaria e Literatura Hispanoamericana. Un traballo que compaxina coa súa dedicación á literatura infantil como creadora de contos e libros para os máis pequenos. María Elena Cicard é deseñadora e editora, especialista principal da área de Deseño e Directora Artística da Editorial Gente Nueva, do Instituto Cubano do Libro.Ten deseñado algo máis de dous mil títulos, entre eles, algúns premiados en concursos nacionais. O obxectivo da mesa redonda é ofrecer, en primeiro lugar, unha visión panorámica da literatura infantil cubana durante os últimos anos, unha introducción que pretende funcionar como unha invitación á lectura da literatura infantil e xuvenil cubana máis contemporánea que é descoñecida en xeral polos lectores españois. Ofrecerase aos asistentes un percorrido por algúns dos autores e obras máis destacables deste xénero en Cuba, amosando deste xeito a actualización existente en canto a temas, estilos e técnicas e ademais a sensibilidade para dialogar co neno e co adolescente. O público, mediante a súa participación, xogará un papel determinante nesta conferencia, enriquecéndoa e encamiñándoa cara ás súas inquedanzas máis literarias.

-21.00 h, Teatro Principal El viejo y el mar, con Embocadura & Arbolé. Entrada 5 euros. En abril de 1979 saen por primeira vez a escena os monicreques desta compañía aragonesa. Desde entón, teñen realizado máis de 7.000 representacións de 50 producións, visitando Aragón e todo o territorio nacional, América Latina, Europa, Asia e o deserto Saharauí. El viejo y el mar é unha versión libre de Mariano Anós para teatro do libro de Ernest Hemingway, producida por Embocadura e Teatro Arbolé. Trátase dunha adaptación na que prima o texto e a reflexión; escrito en verso para os monólogos do vello Santiago, toda a obra convértese nun belo poema de loita pola vida. Interpretada por Pedro Rebollo (Santiago) e Javier Aranda (Manolín), combina o traballo de actor co teatro de obxectos para dar vida á atmosfera do mar e a tódalas criaturas que rodean a aventura do vello. Estes dous actores encarnan unha historia na que tamén está presente o medo ao fracaso, o dereito que ten todo ser humano á súa dignidade, a sentirse parte importante do mundo mentres lle quede un pouco de esperanza e de orgullo, pese a que outros o vexan como un perdedor.

-22.30 h, pub La Cabaña. Noites na Cabaña con Quico Cadaval. Entrada libre. Quico Cadaval é recoñecido pola crítica e polos compañeiros de profesión como uno dos mellores contadores de contos de España. Aprendeu o oficio de contar contos dende moi pequeno, grazas a unhas vellas que se encargaron de transmitirlle as historias sagradas e nas bocas de bohemios, solitarios e filósofos que frecuentaban a taberna da súa nai. Comezou na interpretación teatral a finais dos setenta no Centro Dramático Galego, e xa nos oitenta fundou a súa propia compañía: “O Moucho Clerc”. Traballou en diferentes producións da TVG, así como en curtametraxes e longametraxes e recibiu diferentes premios polo seu traballo no teatro. Foi profesor de interpretación da “Operación Triunfo” portuguesa no ano 2003.