Tres días de intensa actividade no Salón do Libro de Pontevedra pola ponte de San Xosé

Tres días de intensa actividade no Salón do Libro de Pontevedra pola ponte de San Xosé

xoves, 19 de Marzo de 2015

O Pazo da Cultura de Pontevedra prepárase para acoller esta longa fin de semana -que comeza mañá co venres festivo- numerosas actividades para o público infantil e xuvenil e familiar en xeral.

Aos tradicionais obradoiros e sesións de contacontos, que xa se veñen celebrando dende que a cita coa cultura abriu as súas portas, hai que engadir estes días outras ofertas culturais como o ciclo de cinema de animación infantil, que comeza mañá.

Trátase de seis películas que se proxectarán con entrada de balde no Salón de Actos mañá, o sábado e o domingo, dous por día. Os títulos de mañá venres son ‘O bosque animado’ (12 horas) e ‘A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol’ (18:30 horas), os do sábado son ‘Holy night!’ (12 horas) e ‘A tropa de trapo na Selva do Arco da Vella’ (18:30 horas), mentres que os do domingo son ‘P3K. Pinocho 3000’ (12 horas) e ‘O soño dunha noite de San Xoán’ (18:30 horas).

Por outra banda, a Orquestra de Cámara Lira, acompañada por bailaríns da Escola de Danza Deborah, ofrecerá mañá (18:30 horas) o concerto ‘A miña estrela’, unha estrea exclusiva do Salón do Libro, destinada a público familiar. As entradas, a 3 euros, pódense adquirir no Pazo da Cultura dende unha hora antes de que comece a actuación.

A literatura, como non podía ser doutro xeito, tamén terá un papel importante esta fin de semana no Salón, coa presentación mañá (19  horas) do libro ‘Porque Cuqui non quere ir á lavadora’, escrito por María Lado. A autora ofrecerá, ademais, unha sesión de contacontos aos asistentes.

Continuando co mundo das letras, o domingo (19:30 horas) desenvolverase o coloquio ‘A literatura infantil e os temas feos’, no que os escritores Clara Roxo e Francisco Castro conversarán sobre temáticas complicadas como as enfermidades nos adultos: cáncer de mama, alzhéimer...

 

Obradoiros para adultos

A Unidade de Cultura Científica do CSIC Galicia ofrecerá durante estes tres días o obradoiro ‘Ciencia na casa para pais e nais atrevidos’, con prazas limitadas a 30 persoas por sesión. Serán mañá, o sábado e o domingo en dúas quendas: 12:30 e 18:30 horas. Os participantes poderán facer, utilizando materiais comúns, atractivos e enxeñosos experimentos.

A ciencia, protagonista deste ano do Salón, tamén centrará o obradoiro ‘Visionado de estrelas’ mañá, día no que terá lugar unha eclipse solar. A partir das 21 horas, un experto astrónomo achegará aos asistentes ao ceo de Pontevedra dende a terraza do Pazo para facer un visionado de estrelas, satélites e planetas co apoio de diferentes telescopios. Hai que inscribirse previamente, xa que só hai 50 prazas.

Así mesmo, os días mundiais do Medio Ambiente e da Auga terán a súa particular homenaxe estes días no Pazo da Cultura. O primeiro deles, o sábado (17:30 horas), celebrarase cunha saída á Illa do Covo (se o tempo o permite) para coñecer a importancia das árbores e dos bosques. É precisa a inscrición previa, xa que só hai 20 prazas para público familiar.

Respecto ao Día Mundial da Auga, terá lugar o domingo coa actividade ‘Aqualoxía no Salón’, promovida por Viaqua en catro quendas: 11:30, 13:00, 17:30 e 18:30 horas. O obradoiro, destinado a nenos de oito anos en adiante, desenvolverase em grupos de 20 persoas, e explica o ciclo urbán da auga a través de varios experimentos: limpeza, análise, filtración, desinfección e salinidade.

 

‘Star Trip’, de Yllana

O plato forte desta fin de semana no Salón do Libro é a obra ‘Star Trip’, que a  premiada compañía de teatro Yllana traerá a Pontevedra.

A representación terá lugar este domingo, (18:30 horas), no Auditorio do Pazo da Cultura, e as entradas, a 3 euros, xa se poden mercar en Ataquilla.com ou no teléfono 902504500. No caso de sobrar, poranse á venda as restantes no propio Pazo dende unha hora antes de que comece a función.

‘Star Trip’, recomendada para público familiar a partir de oito anos, está protagonizada por catro intrépidos astronautas que levan medio século hibernando dentro dunha nave espacial que vaga polo espazo.

Os actores que dan vida a tan particulares personaxes son Antonio Pagudo (conocido polo seu papel de Javi na serie televisiva ‘La que se avecina’), Fidel Fernández, Raúl Cano e Juan Ramos.

O espectáculo, duns 75 minutos de duración, comeza co despertar da tripulación e a súa loita por dominar unha nave que parece ter vida propia. A comedia vén dada polos diferentes mundos cos que van colisionando os catro astronautas.

Ademais, a compañía teatral destaca o coidado da banda sonora da peza e os elaborados efectos visuais, que renden homenaxe a xéneros como a ciencia ficción.

Ademais da función que se representará o domingo para o público en xeral, Yllana tamén ofrecerá un pase concertado para os centros escolares o vindeiro luns, 23 de marzo, ao que asistirán arredor de 500 rapaces de toda Galicia.

Lembramos que o horario de apertura durante estes tres días será de mañá e de tarde: de 11 a 14 e de 17 a 20:30 horas. O programa completo do Salón do Libro pódese consultar na web www.salondolibro.org.