Un comezo moi audiovisual para o IX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Un comezo moi audiovisual para o IX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

luns, 28 de Xaneiro de 2008

Pontevedra, 28 de xaneiro de 2008 A presenza do ilustrador Miguelanxo Prado e do compositor Nani García concitou o interese dos visitantes do IX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra no seu segundo día de apertura ao público. Ambos artistas acodiron a Pontevedra a presentar o seu filme De profundis, unha historia sen palabras debuxada por Prado e contada coa música de García que transcorre no mundo submarino. A proxeción do documental Soños dende o abismo, da realizadora Sandra Sánchez, abriu as actividades da tarde. Tratase dun documental que narra un proceso de creación. É unha mirada persoal da autora sobre o traballo do artista Miguelanxo Prado e sobre o seu “mundo submarino”. O proceso creativo da súa longametraxe De Profundis serve como pretexto para profundizar na personalidade deste autor recoñecido internacionalmente e facer un percorrido polo seu universo creativo. As súas obsesións, a súa mirada sobre a realidade que o rodea e os seus medos máis profundos. Pero sobre todo, é unha reflexión poética sobre o mar e o papel que este xoga (como realidade e como símbolo) no imaxinario do artista. Ambos artistas impartiron senllas clases maxistrais nas que compartiron co público pontevedrés algúns dos segredos que fan das súas creacións pezas admiradas máis aló da nosas fronteiras. Xuntos de novo, interviron nunha mesa redonda, titulada Debuxo se harmonías: unha viaxe ao fondo do mar, que foi moderada por Ánxel Huete e Alberto Vilas antes de dar paso á proxeción do filme De profundis (2007), que reflicte as sensibilidades destes creadores únicos. As clases maxistrais, a mesa redonda e as proxecións están inseridas na programación especial de contidos audiovisuais que ofrece o Salón este ano como unha das súas novidades. Tras esta excepcións, as proxecións e os debates regresarán ao Teatro Principal (onde comezaron o pasado xoves 24 de xaneiro con O acoirazado Potenkim) o vindeiro xoves 31 de xaneiro, onde continuarán celebrándose cada semana ata finais do mes de febreiro. Tamén durante a tarde puxéronse en marcha os obradoiros para adultos, dirixidos, fundamentalmente, a membros da comunidade educativa. E, canda, eles, arrincou asemade o servizo de canguros para os seus fillos e fillas, a chamada Ludoteca Viaxeira destinada a que os pequenos da casa gocen tamén do Salón. En horario de mañá, os obradoiros para escolares enchéronse de alumnos de varios centros escolares de Pontevedra e da súa bisbarra. Asemade, na galería Sargadelos da rúa Oliva, o pintor Antón Sobral inaugurou a exposición Amar a mar, con textos poéticos de Xaime Toxo.

MARTES, 29 XANEIRO

· ACTIVIDADES PARA COLEXIOS (pola mañá, concertadas cos centros. Esta mañá visítannos CEIP de Vilaverde-Mourente, CEIP de Pontesampaio, CPR Nuestra Señora de los Dolores, CRA Vilaboa, CEIP Manuel Vidal Portela, CEIP San Martiño, CEIP Carballal) -Obradoiros de poesía, ilustración, música, medio ambiente, curtas con móbil e danza. -Contos con Pavís-Pavós, Raquel, Andrea Bayer e Galitoon. -11.30 h, teatro Los domingos no hay piratas, de Markeliñe. (Función para CEIP de Pontesampaio, CEIP Campolongo, CPI Santa Lucía, CEIP Magalláns-Dorrón, CEIP A Xunqueira I, CPR La Inmaculada, CEIP A Lama, Centro ocupacional “O Saiar”)

· OBRADOIROS PARA ADULTOS (pola tarde, previa inscrición) Literatura, Pescando letras con Yolanda Castaño, animación á lectura con Rodorín, danza con Mercedes Prieto e ilustración con Gabriela Rubio.

· ACTIVIDADES ABERTAS AO PÚBLICO

-17.00 h, obradoiro de graffiti con Ras. Entrada libre. Prazas limitadas Ras é o alcume de Alexis Parada (A Coruña, 1982). Desde hai varios anos reside en Pontevedra, onde cursa estudos na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo ao tempo que participa en encontros de arte urbana e realiza deseños para organismos públicos e privados. O seu obradoiro contará cunha parte teórica que pretende achegar ao espectador á historia do graffiti desde una perspectiva mundial, europea, española e galega. E cunha vertente práctica para familiarizar aos alumnos coas técnicas e recursos comuns do escritor para realizar as súas obras. Para finalizar, tódolos participantes confeccionarán un mural conxunto.

-18.00 h, presentación do libro Apertas de vainilla, da escritora pontevedresa Fina Casalderrey, editado por Galaxia. No recanto da lectura, ao fondo da Sala de Exposicións, a autora contará a historia do libro para os pequenos espectadores do Salón. Apertas de vainilla (Galaxia, 2007), é o último libro para os máis pequenos de Fina Casalderrey, con ilustracións de Manuel Uhía. Magali é moi amiga de Roi, pero un día ten que ir vivir a outra cidade. Daquela inventa un xogo fantástico que os vai manter sempre unidos, a pesar da distancia. Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1952) é unha das escritoras máis recoñecidas, traducidas e premiadas no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega. Deuse a coñecer con Mutacións xenéticas (1991), novela á que seguirían, entre outros títulos, Dúas bágoas por máquina (1992, premio Merlín), Chamizo (1994), ¡Asústate, Merche! (1995), O misterio dos fillos de Lúa (1995, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil), O estanque dos parrulos pobres (1996, premio Edebé), ¡Prohibido casar, papá! (1996), ¿Sobrevives? (1996), ¡Puag, que noxo! (1997), O misterio do cemiterio vello (1999), Bicos de prata (2000) e A máscara de palma (2000). A narrativa de Casalderrey distínguese pola súa agudeza na observación e recreación do mundo dos adolescentes, polo realismo dos seus personaxes e situacións e por un ritmo capaz de converter calquera asunto cotián nun relato de suspense.

-18.30 h, teatro Los domingos no hay piratas, de Markeliñe. Recomendado a partir de 6 anos. Entrada: 2 euros. Markeliñe é unha compañía de teatro de orixe vasca que desde 1986 crea e produce numerosos espectáculos para sala, teatro infantil e propostas para a rúa, o que lle proporcionou unha estética propia e unha presenza consolidada no panorama teatral. Cómpre salientar a participación de Markeliñe en importantes festivais internacionais (Francia, Bélxica, Holanda, Austria, Finlandia, Irlanda), e o recoñecemento á calidade das súas creacións: “Armagedon” (Premio Ercilla 1991), “La Garbo S.A.-Kale gorrian” (Premio Teatro Vasco Crítica e Xurado 1996, Premio Arriola 1997), “Kartoibiraka” – “La vuelta al mundo en 80 cajas” (Premios F.E.T.E.N. 1998, finalista Premios Max 1999, Premio Max 2000), “Mambrú” (Premios F.E.T.E.N. 2001, Premio TEATRALIA 2001), “DSO” (Premio mellor espectáculo vasco Leiroa 2002, Premio mellor espectáculo de rúa Fira de Tárrega 2002, Premio do público en Vilarreal, Premio ao mellor montaxe de grande formato en Valladolid 2003). Actualmente Markeliñe está integrado por: Iñaki Egiluz, Javier Renobales, Joserra Martínez, Jon Kepa Zumalde, Paco Trujillo e Marijo de la Hoz. En “Los Domingos No Hay Piratas” o espectador introdúcese nunha aventura a través dos ollos dunha nena que se ve separada da súa avoa cando esta ten que ir a unha residencia. A nena desexa que chegue o domingo, o día no que a visita e, para iso, imaxina uns piratas cos que xogar e “navegar” durante a semana a través de diferentes illas. Así, mediante o xogo e o uso da imaxinación, os piratas encontrarán o seu tesouro e axudarán á nena no seu viaxe á “illa” do domingo onde pode reunirse coa súa avoa.

-18.30 h, conferencia. Ronsel de poesía, con Marta Dacosta. Marta Dacosta é poeta galega, licenciada en filoloxía galego – portuguesa e profesora de ensino medio. No campo da filoloxía tense feito cargo de investigacións importantes como é a precedente á tese de licenciatura inédita A coordinación no galego medieval, e ás comunicacións: A lingua galega: historia e actualidade recollida nas actas do I Congreso Internacional A lingua galega: historia e actualidade, ou A lingua galega: historia e actualidade, no congreso A lingua das cantiga, congreso da lingua medieval galego-portuguesa na rede. Así mesmo, tamén é destacable a súa labor como articulista en A Nosa Terra, www.gznacion.com, www.inforosal.com, Cadernos da Lingua Galega, Eubalaena, Diario 16, A Peneira e A festa da palabra silenciada. Obra poética: CREAR O MAR EN COMPOSTELA, 1º premio de poesía "O Grelo" en 1993, publicado en 1994 pola Deputación de Lugo. PEL DE AMEIXA, premio González Garcés de poesía 1995, convocado pola Deputación Provincial da Coruña, que publica o libro en 1996. SETEMBRO, premio "Martín Códax" 1998. Publicado na Editorial Galaxia no mesmo ano. EN ATALAIA ALERTA, accésit do premio de poesía Esquío 1999. Publícase en 2000. AS AMANTES DE HAMLET, 2003, Edicións Espiral Maior. Outras publicacións: FRAGMENTOS, serie de poemas polo que recibe o 3º premio Rosalía de Castro da A.C. de Cornellá e publicado na revista Lúa Nova, nº 20. O MEU NOME É ANTÍGONA: serie de poemas publicada na revista Grial, nº 160, ano 2003. A PRINCESA NA TORRE, na Biblioteca Virtual Galega, www.bvg.udc.es

-19.00 h, presentación do libro Os contos, de José Enrique Abalo Quintela e o Colectivo "Ollo de Sapo" no recanto da lectura. Este libro diríxese fundamentalmente a profesorado, nel preséntanse numerosas propostas prácticas para desenvolver na aula distintas habilidades relacionadas cos textos escritos desde a utilización dos contos populares galegos como recurso didáctico. Os contos populares como manifestación da narrativa popular transmitida de xeración en xeración teñen un grande valor educativo xa que os nenos e nenas viven e síntenos como reais por moi fantásticos que sexan. Os contos producen unha especie de encantamento que provoca unha corrente de confianza entre o docente e o alumnado e son un excelente recurso para estimular o vocabulario, a atención e o mundo socio-afectivo e como consecuencia a personalidade do alumnado. No libro expóñense diversas actividades pensadas para traballar cos contos: a recolleita, e re-escritura, a produción, a dramatización a comprensión ou a estimulación da expresión oral.

-22.30 h, pub La Cabaña. Noites na Cabaña con Avelino González. Entrada libre.

Avelino González comezou a súa carreira no teatro en A Farándula (Vigo, 1980), compañía na que colaborou ata a súa desaparición. Fundador de Tranvía Teatro (1989) e de Ollomol Tranvía (1993) é un home consolidado no panorama escénico. Deu ó salto ao cine en 1987 con Gallego, no que ten feito filmes nos que destaca ¿A ti como se che di adeus?. Na pequena pantalla ten actuado en programas (Arestora, Luar...), series (Mareas Vivas ou Galicia Express) e telefilmes (Condenado a vivir). Na actualidade salienta o seu traballo como narrador oral e tradutor teatral. Polo seu labor no mundo do teatro e audiovisual ten recibido diferentes premios como son: Premio Compostela 1993 ao mellor actor secundario Un soño de verán. Premio María Casares 2004 ao mellor texto orixinal de Bicos con Lingua Nominado ao Premio María Casares 2004 á mellor dirección de Bicos con Lingua Nominado ao Premio María Casares 2006 ao mellor texto adaptado por Vento Mareiro Premio María Casares 2007, con Olga Nogueira, ao mellor texto traducido por A raíña da beleza de Leelane