A VII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra comeza o vindeiro domingo

A VII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra comeza o vindeiro domingo

luns, 30 de Xaneiro de 2006

A sétima edición do Salón iniciaráse o domingo 5 de febreiro cunha homenaxe especial á escritora María Victoria Moreno, falecida recentemente, e a persoa quen debía da-lo pregón inaugural. Os alumnos de 6º de primaria do CEP A Xunqueira II de Pontevedra faránno en lembranza desta figura tan querida para o Salón. Tamén na clausura o escritor Xosé Antón Neira Cruz terá palabras para María Victoria. Logo das intervencións institucionais, pechará o acto a actuación de Uxía Senlle e da señora Carme de Malvela.

O luns 6 comezan as conferencias, que este ano protagonizan Ana María Matute e Xela Armas. Entre as presentacións de libros salientámo-lo volume Trobalinguas. Os 4.000 escolares da comarca que participarán nas actividades concertadas terán acceso a un obradoiro de escrita, impartido por Tagen Ata, ilustración con Noemí López e Kiko da Silva, medio ambiente con Papaventos e contadores con Pavís Pavós, Raquel, David Pernas e Regueifeiros. Os obradoiros para adultos xiran ó redor da animación á lectura, con Cristina Novoa, Ana Romero Yebra e Ana García Castellanos, sobre literatura impartirán Ramón Caride, Antonio Rodríguez Almodóvar, Dora Batalín, Antonio Reigosa e Francisco Fernández Naval, Pablo Amargo levará as rendas do de ilustración e Miquel Desclot dirixirá o de música. Contacontos, teatro, monicreques e música integran o programa lúdico. Luis Peschetti ofrecerá a actuación musical de clausura o sábado 11 de febreiro. Con todo, as visitas concertadas para escolares seguiránse programando ata o vindeiro 3 de marzo, data na que o Salón pecha as súas portas por este ano.

Esta masiva afluencia de escolares vai requerir un esforzo especial de coordinación e de monitores que o Salón asume con entusiasmo e grandes expectativas de éxito.

Ó longo das seis edicións precedentes e ata a data, o Salón foi medrando en tódolos sentidos: espazos, ambientación, actividades, no número de entidades colaboradoras, en dimensión social, complexidade e, naturalmente, en resultados. A primeira edición foi visitada por unhas 2.500 persoas, a pasada acolleu a 9.000 espectadores, entre nenos e maiores.

En cada edición, o Salón dedícase a un tema que centra a maior parte das actividades. Os clásicos foron os protagonistas da pasada edición, como antes a literatura oral, as viaxes, a poesía, as personaxes do mundo fantástico e a obra de Gianni Rodari serviron de fío argumental. Nesta ocasión, a cita ten como motivo principal á Natureza. Amais de cumprir co seu obxectivo de incitar ós nenos ó acto de ler, o Salón pretende formar ós pequenos lectores como cidadáns comprometidos co seu entorno e co máis importante patrimonio da humanidade. O seu emblema é o cartel que asina a ilustradora Patricia Castelao.

E ó redor da Natureza altérase o espazo físico onde se celebra o Salón pontevedrés: o Pazo da Cultura. As decoracións e exposicións, moitas delas feitas en exclusiva para este evento, como a realizada cos traballos dos escolares, crean un ambiente máxico, “de conto”. Tamén as actividades, conferencias, obradoiros para nenos e maiores e os espectáculos (contacontos, danza, teatro, monicreques e música) teñen que ver co noso medio natural.

O seu carácter colectivo é a característica esencial e diferenciadora da cita pontevedresa cos libros. O proxecto abrangue a administracións (o Concello de Pontevedra e, por vez primeira este ano, a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural), entidades sociais e culturais (a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Asociación Máislibros) e colectivos locais, galegos e estatais que se suman á organización do Salón e lle confiren carácter aberto, plural e integrador.

Na súa sétima edición o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra acada a súa maioría de idade. Conquire xa dimensión de referente internacional no eido da literatura infantil e xuvenil, feito que fai necesario amplia-la súa proxección exterior e que motivou que a mediados de xaneiro fose presentado en Madrid en senllos actos celebrados na Residencia de Estudiantes e na Casa de Vacas do Parque do Retiro, coincidindo coa clausura do Salón do Libro Infantil de Madrid.