A XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recibiu a visita de 34.000 persoas

A XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recibiu a visita de 34.000 persoas

sábado, 28 de Marzo de 2015

O XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, organizado pola Concellería de Cultura, pechou hoxe as súas portas despois dun mes de intensa actividade cunha oferta cultural centrada na lectura. Polas instalacións do Pazo da Cultura e o Recinto Feiral pasaron 34.000 persoas que gozaron dos obradoiros, contacontos, charlas, obras de teatro, concertos, exposicións, espectáculos de danza, cine e presentacións de libros, entre outros eventos. Esta cifra supón un importante incremento respecto a edición do ano pasado, cando foran algo máis de 29.000 os visitantes do Salón.

O balance inclúe asistentes tanto aos obradoiros concertados polas mañás para os centros escolares como as visitas que tiveron lugar en aberto para o público en xeral. Deste xeito, o Salón do Libro convertiuse nun importante dinamizador das actividades dos colexios, xa que máis de 14.000 estudantes se achegaron ao mundo dos libros a través das actividades ofertadas no Pazo da Cultura, dende o pasado 28 de febreiro ata hoxe. Completan a cifra de 34.000 as familias que, de xeito persoal, se achegaron ao Salón cos seus fillos para participar tanto nos obradoiros de inscripción previa como noutros eventos, tanto de entrada de balde como de pago, xa que o prezo das localidades destes últimos foi único, de tan só 3 euros.

A edición 2015 do Salón do Libro, que se celebrou baixo o título ‘Da ciencia á ficción’, ofertou máis de 300 actividades pensadas para o público familiar e tamén incorporou á súa programación parte do programa de lecer alternativo ‘Noites Abertas’ os venres e sábados, un ciclo de cine con películas cedidas polo CGAI e tres cursos específicos para docentes.

Tamén aumentou o número de colexios que participaron co Salón, que pasou de 31 (en 2013) e 36 (en 2004) aos 40 que este ano aportaron os seus traballos á exposición inspirada na ciencia e na ficción.

 

Actividades de máis éxito

Entre os espectáculos máis exitosos entre o público, hai que salientar  o teatro para bebés ‘Catro tempos’, o concerto ‘A pel da auga’ de Pep Bou, a representación da obra ‘Star Trip’ de Yllana e o concerto ‘Peter Pan’ da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.

Os obradoiros, un dos pratos fortes do Salón cada ano, contaron cunha demanda importante por parte do público, segundo o punto de información instalado no Pazo da Cultura. Os que máis gustaron foron ‘Os efectos moi especiais’, ‘Ciencia na casa para pais e nais atrevidos’, ‘CSI: O roubo da torta’, ‘Arenoglifos’ e ‘Obradoiro de robótica’.

Tamén os contacontos, diarios e de cabida limitada, tiveron cunha gran acollida entre os máis pequenos e esgotaron as súas prazas.

De feito, e tendo en conta a información recabada no punto de información, numerosos usuarios mostaron a súa satisfacción pola calidade dos obradoiros despois do seu paso por algúns deles.

O perfil do visitante do Salón do Libro polas tardes, cando estivo aberto ao público en xeral, foron familias de mediana idade con fillos de entre 4 e 10 anos. Moitas delas repetían case diariamente.

Ademais, pasaron polo Pazo da Cultura persoas de avanzada idade que simplemente tiñan interese na lectura e que acudiron sen nenos.

 

Dinamización económica

A procedencia do público foi maioritariamente local, pero tamén houbo xente que veu dende outros concellos da provincia como Marín, Poio, Cambados, O Grove, Vilaboa, Redondela e Vigo, entre outros. A eles hai que sumar o doutras provincias como A Coruña ou Ourense. Nas fins de semana e na ponte de San Xosé recibiuse a visita de familias de Madrid. Como anécdotas, hai que salientar que pasaron polo Salón os nenos do circo instalado en Mollavao e un grupo de deportistas de Valencia aloxado en Pontevedra.

Dende a organización do Salón do Libro resaltan que esta iniciativa supón un importante factor de dinamización tanto cultural como económica para Pontevedra, xa que moitos dos seus visitantes de fóra da provincia tamén se achegaron ao centro da cidade para pasar o día ou pernoctar nalgún dos seus hoteis.

 

Colaboradores

A temática deste ano do Salón do Libro propiciou a colaboración con entidades como o Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a Fundación Barrié, a Fundación Museo de la Ciencia de Valladolid, o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt), o Parque Tecnológico de Galicia (Tecnópole), a Asociación Galega de Escritores (AGE), o Consello da Cultura Galega e as universidades de Vigo e Santiago. Ademais, participaron no proxecto numerosos colectivos locais: a Banda de Música de Pontevedra, a Orquestra de Cámara Lira, a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, o Seminario Permanente de Jazz, a Biblioteca Pública, o Centro de Formación e Recursos de Pontevedra (Cefore) e a ETL Paspallás, entre outros.

 

Derradeiro día e clausura

O acto máis significativo de hoxe, derradeiro día do Salón do Libro, foi o soterramento cara ao mediodía dunha caixiña na Illa do Covo na que se depositaron os desexos de todos os asistentes relativos ao futuro da cidade de Pontevedra. Nesta orixinal iniciativa participou a mascota do Salón, o lobo Orbil, quen, ademais aproveitou o momento para plantar unha árbore, unha moreira, como símbolo da pervivencia do espírito do Salón do Libro durante todo o ano e para visibilizar a estreita relación do Pazo da Cultura coa Illa do Covo.

O acto contou coa presenxa do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. O rexedor municipal cedeu o protagonismo aos nenos, que, capitaneados por Luán, de seis anos,  se encargaron de colocar no céspede un sinal coa frase “Estes son os desexos do público do Salón do Libro 2015 para a nosa cidade”.

Entre as peticións que foron soterradas para seren feitas públicas en 2020, as máis orixinais foron as dos rapaces: “Que as fadas sexan máis grandes para que as poidamos ver” ou “Que os coches voen, como nas películas”.

Pola súa banda, e nun breve discurso, Anxos Riveiro pronunciou en alto un dos seus desexos: “Que esta edición 2015 sexa eterna, porque é un traballo moi fermoso”.

Xa pola tarde, tiveron lugar dous obradoiros e un contacontos e, para poñer o punto e final ao Salón ‘Da ciencia á ficción’, o Auditorio do Pazo da Cultura acolleu o concerto de ‘A gramola gominola’, no que se presentou o libro-disco de música infantil editado por Galaxia. A actuación consistiu nunha viaxe pola historia da música moderna da man de Paula Romero, que se presentaba a varias probas con grupos de diferentes estilos que buscaban unha voz para as súas formacións.

 

Novas tecnoloxías

As redes sociais e internet en xeral foron unha das grandes apostas deste ano do Salón do Libro, organizado pola Concellería de Cultura, con Anxos Riveiro á cabeza.

Nesta liña, e analizando as estatísticas de Facebook, o número de persoas que interactuaron  na páxina do Salón do Libro creceu no último mes, así como a cantidade recibida de ‘me gusta’ ás súas publicacións. Os ‘post’ que máis alcance tiveron entre os seguidores nesta rede social son os álbumes fotográficos e os vídeos, que están a recibir excelentes críticas, tanto pola súa alta calidade artística como por supoñer un xeito de vinculación do público co Salón do Libro. Ademais, estes álbumes foron publicados tamén na páxina web www.salondolibro.org.

Precisamente, este espazo virtual rexistrou interesantes cambios en febreiro ao recibir nestas últimas catro semanas visitas dende outros países como Brasil, Portugal, Reino Unido, China, México, Estados Unidos, Arxentina, Italia e Perú.